Supón case 1,6 millóns de euros máis para a convocatoria 2023-2024
A Xunta eleva ata os 11,8 millóns de euros as axudas dos programas integrados de emprego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a orde pola que se incrementa un 15%, ata os 11,8 millóns de euros, o orzamento das axudas destinadas á realización de programas integrados de emprego (PIE) en entidades sen ánimo de lucro e concellos, cos que se melloran as oportunidades laborais das persoas sen traballo.
Desta maneira, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará á convocatoria 2023-2024 case 1,6 millóns máis, que permitirá que 600 persoas máis sen emprego poidan acceder a estes programas.
En total, a previsión da Xunta de Galicia é que se desenvolvan 55 proxectos, 34 deles en entidades sen ánimo de lucro e 21 en concellos, nos que poden participar unhas 5.500 persoas desempregadas.
Detalles dos programas
En cada un destes programas tomarán parte 100 persoas desempregadas, ás que se lles ofrecerá unha formación para o emprego e a posibilidade de realización de prácticas profesionais non laborais en empresas. Ademáis, polo menos o 35% dos participantes teñen que ser inseridas no mercado laboral durante a duración do proxecto, ben por conta allea, por conta propia ou como socios traballadores dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.
Como en anteriores convocatorias, resérvanse dous millóns de euros do global do presuposto para o financiamento de programas dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral.
Entre as persoas destinatarias prioritarias destes programas destacan, entre outros colectivos, as persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, maiores de 45, mulleres, inmigrantes, persoas en paro de longa duración e desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores.
A Administración autonómica, así mesmo, ofrece bolsas para incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións que, neste ano, elevan o seu importe dos 7 euros aos 10 euros por día. Tamén asume a Xunta de Galicia os custos salariais do persoal necesario para impartir os PIE, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.
A actuación enmárcase no Plan galego de formación para o emprego ao que o Goberno autonómico destinará en 2024 un 12,9% máis de orzamento, ata chegar aos 117 millóns de euros.