De asesoramento a empresas
A Xunta destinará dous millóns de euros a unha nova convocatoria do programa ReAcciona
A Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha en vindeiras semanas unha nova convocatoria do programa ReAcciona, sobre o que este martes se celebrou unha xornada en Santiago de Compostela.
Segundo subliñou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o programa ReAcciona achega a pemes, autónomos e emprendedores as ferramentas precisas para que poidan reinventarse como empresa e, deste xeito, crecer e mellorar a súa produtividade. A través deste programa, o Goberno autonómico achega ás compañías o asesoramento necesario para sacar adiante as súas estratexias de crecemento apoiando sobre todo os equipos directivos e de xestión cun servizo de expertos.
Así, as empresas poden analizar, entre outros aspectos, como poden crecer máis e ser máis eficientes; se teñen capacidade para expandir o seu negocio; como mellorar os seus procesos de produción; se os seus produtos achegan un valor engadido que non teña a competencia, ou mesmo se existen novos segmentos de mercado e de clientes aos que poidan chegar.
Ata o de agora, a Xunta destinou a través das edicións anteriores 5,1 millóns de euros, que mobilizaron 7 millóns e axudaron a desenvolver 1.400 proxectos postos en marcha por 850 empresas galegas. A nova convocatoria contará cun orzamento de dous millóns de euros para apoiar preto de 500 plans por parte de pemes e autónomos. A maior parte dos proxectos buscan servizos de tipo comercial (35%), servizos de xestión (26,5%), asesoramento para desenvolver o seu plan estratéxico (20,5%) ou para deseñar un plan de negocio (18%).