Poden optar a estas axudas os nove centros tecnolóxicos que hai en Galicia
A Xunta destina 5,4 millóns de euros para apoiar os centros tecnolóxicos
En concreto, poden concorrer os nove centros tecnolóxicos que existen en Galicia e que figuran no rexistro estatal do Ministerio: Aimen, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab, Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga).
Esta liña ten como finalidade incentivar a transferencia de resultados de investigación, de coñecemento e de capacidades tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos ao mercado co fin de acadar un impacto na competitividade das empresas galegas e, así, xerar coñecemento. As axudas distribúense en función de varios indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados, excelencia e de igualdade de xénero de cada centro. Os requisitos de acceso ao financiamento están baseados nestes indicadores de actividade, centrados prioritariamente na capacidade para transferir resultados á empresa e, polo tanto, contribuír de maneira decisiva na competitividade e o crecemento da economía galega.
Os conceptos subvencionables son custos de persoal investigador ou de apoio, material bibliográfico e funxible e custos de formación do persoal do centro tecnolóxico, entre outros. Deste xeito, configúranse como unha vía para a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano: contratación e consolidación de persoal de I+D así como formación.
Contratos programa
A medida refórzase cos 2,62 millóns de euros que a Xunta destina a contratos programa coas fundacións de investigación sanitaria de Galicia -Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), Fundación Biomédica Galicia Sur e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica- e cos centros galegos de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Todas estas axudas enmárcanse na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) do Goberno autonómico.