Impulso ao comercio de proximidade
A Xunta destina 1,5 millóns de euros para promover a economía circular no sector comercial e artesán
A convocatoria de axudas da Xunta, que se publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), busca impulsar a economía circular no sector comercial e artesán galego.
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou este venres na Coruña a nova convocatoria de axudas, por un importe total de 1,5 millóns de euros, coa que a Xunta de Galicia impulsa a economía circular no sector comercial e artesán galego.
En concreto, esta liña de apoios, destinados á adquisición de solucións sustentables de envasado e empaquetado realizadas con materiais cen por cen naturalmente biodegradables ou ecolóxicos, poden chegar aos 4.200 euros no caso dos comerciantes retallistas e obradoiros artesáns, en función do número de traballadores.
No caso das asociacións de comerciantes, as axudas alcanzan o 90 % do investimento subvencionable e poden alcanzar os 11.970 euros segundo o número de comercios asociados. En ambos casos, as axudas concederanse mediante concorrencia non competitiva.
Nun encontro con representantes de asociacións de comerciantes, Heredia, que visitou o establecemento La Reina del Hogar, sinalou que esta iniciativa permanecerá aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 9 de outubro.
O impulso ao comercio de proximidade é un dos eixos da actuación da Consellería de Economía, Industria e Innovación, apostando pola transformación dixital e sustentable dun sector clave para a creación de riqueza e emprego en Galicia.