Ata 9.000 euros para financiar medidas de flexibilidade horaria ou de fomento do teletraballo
A Xunta destina 1,4 millóns de euros a promover a igualdade laboral, a conciliación e a RSE
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado martes 6 de febreiro unha nova convocatoria destes apoios da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coa que se pretende beneficiar a unhas 250 empresas.
Este programa de axudas está estruturado en tres liñas: unha primeira, para fomentar a elaboración e posta en de plans de igualdade e que conta cun orzamento de 250.000 euros; unha segunda, para a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria, dotada con 1,05 millóns de euros; e unha terceira, na que se investirán 100.000 euros, para que as empresas poidan optar a certificacións en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) que recoñezan as súas boas prácticas.
Para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta prevé apoios, que se bareman en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal, que poden chegar ata 22.000 euros no caso de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán á contratación dunha persoa experta en igualdade.
Por outra banda, o apoio á conciliación da vida laboral, familiar e persoal realizarase con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Neste caso, tamén se inclúen as axudas destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80% do investimento con tope de 1.500 euros por empregado e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros.
Finalmente, o apoio ás empresas e ao traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiarase ata o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación, cun máximo de 2.000 euros por entidade.
O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 6 de marzo.