Xuntanza do conselleiro con APE-Galicia
A Xunta creará un bono autónomo de ata 2.000 euros
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Sanxenxo un encontro coa Xunta Directiva da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), que representa a máis de 4.000 autónomos pertencentes a 68 asociacións, para avaliar a nova Estratexia de Autónomos para 2017 e escoitar as súas propostas.
O titular de Economía puxo en valor o labor e esforzo diario que realizan os autónomos galegos destacando o seu peso na economía de Galicia, xa que un de cada catro traballadores son autónomos ou por conta propia. “Sodes unha peza clave na recuperación económica de Galicia”, sinalou Conde, explicando que, por iso, a Xunta está traballando nunha nova Estratexia para o colectivo “máis ampla e ambiciosa” para converter a Galicia “no lugar máis favorable para ser autónomo”.
Sinalou, así mesmo, que os orzamentos do Goberno galego para este ano contemplan un aumento do 60% nos apoios específicos para este colectivo chegando aos 33,2 millóns de euros e un incremento do 44% para o financiamento de autónomos, pemes e microempresas.
Conde indicou que se porán en marcha catro novas medidas como son a creación do bono autónomo de ata 2.000 euros para que aqueles con menores ingresos poidan investir na mellora da competitividade e na súa formación; a ampliación, un ano máis, da tarifa plana para que os que máis o necesiten só paguen 50 euros da cota da Seguridade Social durante dous anos; o incremento en 16 semanas adicionais da bonificación para conciliar, que se abrirá tamén aos pais; e a extensión a todos os autónomos do programa de remuda xeracional.
Así mesmo, para este ano manteranse as axudas á promoción do emprego autónomo que como novidade deste ano non terá requisitos de investimento e duplicaranse os recursos para apoiar a contratación de ata tres traballadores por parte dos autónomos, unha medida inédita no Estado que puxo en marcha Galicia. Así, as axudas mínimas pasarán de 4.000 a 5.000 euros para o primeiro traballador e de 5.000 a 6.000 euros para o segundo e terceiro.
Menores de 30 anos
O conselleiro tamén resaltou que a Xunta seguirá favorecendo aos menores de 30 con incentivos ao autoemprego, uns apoios polos que o pasado ano constituíronse preto de 400 mozos como autónomos. “Calquera emprendedor que precise financiamento conta con diferentes liñas de axuda que só no último ano permitiron apoiar case 4 proxectos cada día”, engadiu.
Conde apelou, ademais, a un “diálogo continuado” co sector lembrando que o pasado ano a Xunta retomou a Mesa do Autónomo para seguir avanzando na colaboración existente entre a Administración autonómica e os autónomos para escoitar as principais demandas. Por último, animou a todos os autónomos a seguir loitando “para acadar entre todos unha Galicia mellor”. “Fan falta profesionais, emprendedores e empresarios para poñer en marcha a Galicia do futuro”, rematou.