Prevese outorgar 370 axudas
A Xunta convoca as axudas do programa Emega para fomentar o emprego feminino
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria do programa Emega de fomento do emprendemento feminino, que contará cun orzamento de 4,8 millóns de euros.
Sandra Vázquez, secretaria xeral da Igualdade, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, anunciou unha nova convocatoria do programa Emega, aproveitando a visita a tres beneficiarias desta iniciativa en Vilalba, Lugo.
O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén inclúe medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
A contía deste programa de axudas é de máis de 4,8 millóns de euros, case un 10% máis que o ano pasado, e prevé outorgar unhas 370 axudas. Segundo destacou Sandra Vázquez, o crédito da convocatoria experimenta este 2023 un incremento significativo, co obxectivo favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
Programa integrado por catro liñas: Emprende, Activa, ITEF e Concilia
Emprende busca incentivar a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. Activa favorece a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. Pola súa banda, ITEF pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres. Finalmente, a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, axuda tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
Entre outros requisitos para ser beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa, válidamente constituída e domiciliada en Galicia, e manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
O programa Emega terá en conta, entre outros criterios de valoración, a pertenza a sectores económicos con subrrepresentación das mulleres ou a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración.
A contía das axudas vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 euros en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas cifras engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 7 de agosto.
Beneficiarias en Vilalba
As tres mulleres emprendedoras de Vilalba, beneficiarias deste programa de axudas, recibiron a visita da secretaria xeral da Igualdade e o delegado territorial da Xunta en Lugo. En concreto, Marina Vázquez que puxo en marcha unha empresa de servizos e limpeza; Lucía Leal, responsable da Tenda Cuarto e Metade, de produtos alimenticios e hixiénicos; e Ana Calaza e Estefanía Fresco, promotoras da óptica e do centro auditivo Novalux.
Na convocatoria do 2022, concedéronse un total de 346 axudas, que deron lugar a un total de 619 empregos femininos de carácter estable (396 novos empregos e 223 mantidos).