As solicitudes, ata o 23 de outubro
A Xunta compensará con 500€ a perda de poder adquisitivo dos afectados por ERTEs
O Diario Oficial de Galicia publica este xoves unha nova liña de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade coa que se pretende compensar a perda de poder adquisitivo de traballadoras e traballadores galegos afectados por ERTE a causa da covid-19.
Os apoios, que ascenderán a 500 euros nun pagamento único por beneficiario, diríxense a persoas traballadoras por conta allea -incluídas fixas descontinuas- ou socias traballadoras de sociedades laborais e de cooperativas de traballo asociado que se viron afectadas por un ERTE a consecuencia da Covid-19.
Para acceder ás mesmas, as persoas solicitantes deberán contar con rendementos declarados durante o período impositivo 2020 no Imposto da Renda de Persoas Físicas (IRPF) por debaixo dos 14.000 euros. Terán prioridade ademais quen teña permanecido máis tempo en situación de suspensión total ou parcial do seu contrato.
Con esta medida, o Goberno galego quere compensar parte da perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras que se encontren afectadas por un ERTE derivado da Covid-19, con suspensión total ou parcial do seu contrato.
O prazo de solicitude estará aberto desde o 24 de setembro ao 23 de outubro.