Para chegar a todos os establecementos que cumpran coas condicións, que se estiman en 600
A Xunta amplía a 4,7 millóns de euros as axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano
A orde de subvencións, publicada no Diario Oficial de Galicia no mes de febreiro, ten por obxecto compensar as perdas nas que os establecementos incorreron a causa do peche opcional proposto para Noitevella, para evitar a propagación do coronavirus.
Teñen dereito a acceder a estas axudas directas as empresas do ocio nocturno que comunicaran previamente á Xunta a súa decisión de suspender a súa actividade entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, conforme ao establecido na orde da Consellería de Sanidade ante a situación acadada pola pandemia nesas datas.
As axudas acordadas acadan contías que varían en función da superficie dos establecementos: 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.
Ao día de hoxe recibiron os pagamentos un total de 479 empresas. A Xunta estima superar as 600, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos, grazas a esta ampliación. Os apoios estanse a financiar con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.