Para compensar a caída dos seus ingresos debido ao parón no sector a causa da pandemia

Traballadores de orquestras e espectáculos poderán acceder a un máximo de 3.500 euros en axudas

A Xunta abre este xoves 15 de abril, e durante un mes, o prazo para que o persoal das orquestras e doutras actividades relacionadas co sector dos espectáculos poida optar a axudas para compensar a perda de poder adquisitivo emanada do parón da actividade durante a pasada primavera e verán.
Traballadores de orquestras e espectáculos poderán acceder a un máximo de 3.500 euros en axudas
Espectáculos e Josh Sorenson en Pexels
As actividades relacionadas co sector do espectáculo vironse paralizadas durante 2020./Josh Sorenson en Pexels.

A Xunta dispón unha partida de medio millón de euros coa que pretende apoiar ás traballadoras e traballadores que polas condicións dos seus contratos de carácter estacional non puideron acollerse aos ERTE nin a outras medidas de apoio ao sector cultural e tributarias do Estado incorporadas ao Decreto-Lei 17/2020.

O Goberno galego ofrece así unha axuda de 500 euros por cada unha das mensualidades -incluídas entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020- nas que as persoas solicitantes non obtiveran apoios públicos como froito do parón da súa actividade en festas e eventos populares habituais nesa época do ano.

As contías máximas, por tanto, poden acadar os 3.500 euros por persoa por todo o período e serán menores nos casos nos que o período de inactividade fose inferior.

A Xunta é consciente de que as actividades relacionadas co sector do espectáculo, que se viron paralizadas durante o pasado exercicio, concentráronse na primavera e no verán, épocas máis afectadas polas restricións adoptadas por recomendación sanitaria. Moitos traballadores non puideron acollerse aos ERTE nin a outras prestacións arbitradas polo Estado polo carácter dos seus contratos, moitas veces limitados a un evento ou actuación determinada. Esta situación afectou tamén ás persoas inscritas como artistas en espectáculos públicos e ao persoal técnico dos eventos.

Con esta nova orde, a Consellería de Emprego e Igualdade recoñece a este ramo de actividade como practicamente paralizado nos primeiros meses da pandemia e xustifica a activación das axudas para compensar a perda de poder adquisitivo destes profesionais que sufriron unha drástica baixada nos seus ingresos pola covid-19.

Persoas beneficiarias

As axudas diríxense a persoas contratadas por conta allea en empresas cuxa actividade se enmarque nalgún dos 9 códigos CNAE apuntados pola orde: actividades de gravación de son e edición musical; relacións públicas e comunicación; alugueiro de artigos de ocio e deportivos; aluguer de outra maquinaria, equipos e bens tanxibles n.c.o.p.; educación cultural; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; creación artística e literaria e xestión de salas de espectáculos.

Como requisitos, os candidatos deberán acreditar que en 2019 traballaron un mínimo de 50 días nas empresas das citadas actividades, constituíndo ese tempo traballado como mínimo o 75% das xornadas laborais dese ano. Tamén deben probar que entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020 non estiveron contratados por conta allea máis de 7 días en calquera empresa.


 

Traballadores de orquestras e espectáculos poderán acceder a un máximo de 3.500 euros en axudas