A Xunta replica o modelo Bono Comercio e Bono Turístico no sector cultural
En que se poderá gastar o novo Bono Cultura?
Como se informou no Consello da Xunta deste xoves, o novo Bono Cultura é unha medida que ten un dobre obxectivo: incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo de xeito seguro, así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico derivado da covidD-19.
A iniciativa -que conta cun orzamento de 1,95 millóns de euros- consiste na posta en marcha de bonos desconto cun valor de 50€ por usuario para gastar nos distintos establecementos que se sumen á iniciativa. Os descontos serán do 50 % da compra e poderán beneficiarse 39.000 persoas.
Os bonos poderán empregarse para a compra de produtos como música gravada en CD ou vinilo; compras de produtos audiovisuais, como películas ou series, en formato físico; libros ou videoxogos, pero tamén para a compra de entradas para calquera tipo de institución cultural, como museos, ou para salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.
Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga realizarase a través dunha web, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR e o importe de cada compra reducirase nun 50 % ata esgotar o saldo do bono. O período de validez dos bonos será desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro.
Rexistro de entidades adheridas ao Bono Cultura
No que se refire ás entidades adheridas en que se consuma o bono, deberán rexistrarse na mesma páxina web, que se habilitará proximamente. Poderán formar parte desta iniciativa as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade a venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións...), así como museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais. Como requisito, deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria Bono Cultura que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade manterá nos próximos días reunións sectoriais para traballar co sector na súa posta en marcha e porase en marcha unha campaña informativa entre a cidadanía.