Completan o II Plan de rescate da Xunta
Publicadas as axudas para a hostalaría e outras actividades pechadas pola covid-19
O 2º Plan de Rescate ten en conta, ademais das da hostalaría, as necesidades doutras actividades afectadas polas medidas sanitarias que obrigaron a pechar establecementos como poden ser os ximnasios, salas de espectáculos ou parques de ocio infantil, entre outros. A orde de hoxe destina 15 millóns de euros de maneira específica a compensar as consecuencias das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias no mes de xaneiro, en aras a preservar a saúde das galegas e galegos nestes espazos.
As axudas concederanse por establecemento e suporán contías que irán dos 1.900 euros aos 3.700, mediante a ponderación da duración dos peches, e con compensacións para os negocios con 10 ou máis persoas empregadas. Unha mesma persoa empresaria pode multiplicar estas cantidades por cada un dos establecementos dos que dispoña.
O prazo de solicitude para acceder a esta nova liña ábrese este mércores 24 e manterase aberto durante un mes. .
Requisitos
Para acceder ás axudas bastará con que os solicitantes desenvolvan a súa actividade nalgún concello de Galicia e tivesen que pechar polas restricións ordenadas en xaneiro polas autoridades sanitarias. Ademais da hostalaría, nas ordes con medidas sanitarias aprobadas este ano víronse afectados, entre outros, sectores como o de espectáculos, actividades recreativas e de lecer, cines, teatros, auditorios, ximnasios, centros de lecer infantil, escolas de música e danza, ou de actividade feirante.
A Xunta terá en conta o tempo no que os locais non puideron ter aberto ao público. No caso da hostalaría, computará como tempo de inactividade, o período no que un determinado establecemento mantivese pechado o interior e a barra, a pesares de manter o servizo en terraza ou para recoller.
Excepcionalmente, por mor da situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas, sen prexuízo de que deban cumprir coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
Todas as axudas do II Plan de Rescate son acumulables entre si, polo que un mesmo beneficiario podería obter un máximo de 15.700 euros por negocio. Son, así mesmo, compatibles cos importes recibidos no 1º Plan de Rescate. Deste xeito, un empresario que se beneficie de ambos os dous programas poderán percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un máximo de 24.200 euros. Son ademais complementarias co resto das liñas de apoio artelladas polas diferentes administracións.