Liña aberta ata o 25 de setembro
Publicadas as axudas de apoio á innovación en pemes e microempresas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este 24 de xullo a convocatoria de axudas do novo programa Innova Peme, unha iniciativa da Axencia Galega de Innovación destinada a mellorar a innovación nas pemes e microempresas galegas que, cun orzamento de 5 millóns de euros, permitirá mobilizar 10 millóns beneficiando arredor de 60 compañías da comunidade.
O prazo de solicitude é de dous meses e permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de setembro. As axudas van destinadas a desenvolver ou incrementar as capacidades innovadoras de empresas que xa teñen ou comezan a ter un desempeño innovador pero que necesitan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver dita actividade coa que lanzar novos produtos e servizos ou mellorar os seus procesos. Para iso, as compañías solicitantes deberán contar cun plan de innovación, unha folla de ruta que se desenvolverá durante un mínimo dun ano na que se recollerán as actuacións a financiar a través do programa.
Os apoios, que poderán alcanzar os 150.000 euros dependendo do tipo de compañía, serán do 50% do orzamento subvencionable, que se situará entre 100.000 e 200.000 euros para as micropemes e entre 150.000 e 300.000 euros para as pemes.
Ditos apoios, a través do plan de innovación, poderán destinarse á contratación de persoal, á adquisición de equipamento e material; e a licenzas de propiedade industrial. Tamén se poderán obter apoios a través destas axudas para a obtención, validación e defensa de patentes, certificacións e homologacións, a contratación de expertos doutras empresas e de servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación, entre outros. Permitirase a subcontratación con organismos de investigación ou outras entidades, ata un máximo do 50% do custo total da actividade subvencionada. Ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través dos fondos de capital risco para a innovación xestionados por XesGalicia.
Para solicitar estas axudas as empresas terán que presentar o informe Innobench, un estudo gratuíto e personalizado que permitirá coñecer o punto de partida da situación actual en materia de innovación da empresa,e que é elaborado mediante un sistema de medición creado pola Gain, a Zona Franca de Vigo e o grupo REDE da Universidade de Vigo.
O programa Innova Peme está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.