Inclúe a cota cero para novas altas durante o primeiro ano de actividade

A Xunta destina 29 millóns de euros para a promoción do emprego autónomo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a convocatoria do programa de axudas á promoción do emprego autónomo que, dotado con 28,9 millóns de euros, inclúe unha partida de 9,6 millóns para financiar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.

A Xunta destina 29 millóns de euros para a promoción do emprego autónomo
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo expuxo as liñas xerais da convocatoria de axudas ao emprego autónomo.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, expuxo as liñas xerais da convocatoria de axudas ao emprego autónomo.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nun encontro coa asociación Compostela Monumental, no que expuxo as liñas xerais destes apoios cos que a Administración autonómica segue a impulsar o traballo por conta propia.

A orde da convocatoria prevé achegas máximas de case 8.000 euros para persoas desempregadas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia como traballadoras autónomas. Poden beneficiarse destas axudas aquelas persoas que cursen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024.

Dúas liñas compatibles

A Xunta prevé nesta convocatoria dúas liñas de apoio compatibles entre si: a primeira, destinada a impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos, e a segunda, que garante a cota cero durante doce meses de actividade.

Para optaren á primeira das liñas, as persoas beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos, carecendo de ocupación efectiva na data de inicio da actividade, que se ten que ter producido con anterioridade á solicitude. Ademáis, deberán contar con domicilio fiscal en Galicia e non ter altas rexistradas como autónomos nos tres anos anteriores.

As contías deste apartado van dos 2.000 euros básicos para persoas desempregadas en xeral, ata os 4.000 no caso de que se trate de menores de 30 anos, parados de longa duración, con discapacidade, dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a autónoma é muller ou o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.

Para acceder á segunda liña de axudas, que garante a financiación íntegra da cota durante os doce primeiros meses, os autónomos deberán ser beneficiarios da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía neste caso ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.

O prazo de solicitude abrirase o próximo 16 de xaneiro e estará vixente ata o 30 de setembro de 2024.

Axenda Impulso Autónomo

Estas medidas enmárcanse dentro da Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que, en palabras da conselleira, “busca fortalecer o ecosistema competitivo do traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos ata 2027”.

Rivo remarcou que a Axenda conta con máis de 360 millóns de euros de orzamento para potenciar a calidade dos novos proxectos e facelos máis competitivos.


 

A Xunta destina 29 millóns de euros para a promoción do emprego autónomo