A convocatoria prevé asesorar 160 pequenas e medianas empresas e autónomos
O programa Responsabilízate facilita ás pemes a adopción de medidas de RSE
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de convocar a 3ª edición do programa Responsabilízate, co que pretende axudar ata 160 pequenas e medianas empresas na implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE)
O programa Responsabilízate, cuxa convocatoria acaba de ser publicada no Diario Oficial de Galicia, garante o acompañamento ás pemes mediante persoas titoras que axudarán na diagnose, formación e posta en marcha dos plans de igualdade e RSE.
Pódense beneficiar da iniciativa, dotada cun orzamento de 520.201 euros, pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas con domicilio social en Galicia ou algún centro de traballo na comunidade. Como requisitos, deberán ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual e non se tratar de entidades sen ánimo de lucro.
O programa Responsabilízate, de carácter gratuíto, estrutúrase en tres fases. Primeiro, faise unha análise do estado, potencial competitivo e situación da RSE na entidade. En segundo lugar, as pemes recibirán formación e asesoramento individualizado para o deseño dun plan de acción en Responsabilidade Social Empresarial. Para finalizar, a partires do informe de resultados, definirase a metodoloxía para a elaboración do plan de actuación individualizado para a implantación dun mínimo do 20% das accións previstas no plan de acción en RSE.
As pequenas e medianas empresas e os autónomos con traballadores a cargo poden presentar a súa solicitude para participar nesta terceira edición de Responsabilízate desde este martes por medio da Sede Electrónica da Xunta ata esgotar prazas.A previsión da Consellería de Emprego e Igualdade é que poidan participar ata 160 empresas. Nas dúas primeiras edicións chegouse en total a cerca de 300 pemes e autónomos.