A nova convocatoria publicarase no DOG do 18 de xaneiro

O programa Galicia Inviste apoiará 140 novos proxectos empresariais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará con 9 millóns de euros a nova convocatoria do programa Galicia Inviste, que se publicará este venres 18 no Diario Oficial de Galicia (DOG), e que mobilizará preto de 40 millóns de euros en 140 novos proxectos empresariais.

O programa Galicia Inviste apoiará 140 novos proxectos empresariais
Galicia Inviste apoiará proxectos nos  industrias extractiva e manufactureira; de xestión e valorización de residuos; reparación de vehículos; loxística; hostalaría; sector TIC e servizos técnicos.
Galicia Inviste apoiará proxectos nos sectores das industrias extractiva e manufactureira; de xestión e valorización de residuos; reparación de vehículos; loxística; hostalaría; sector TIC e servizos técnicos.

Ao abeiro deste programa do Igape, impúlsase a competitividade das pequenas e medianas empresas da Comunidade, e facilítase o acceso ao financiamento que precisa para a realización de investimentos, o que contribúe á xeración e ao mantemento de postos de traballo.

Galicia Inviste diríxese a iniciativas de pemes que conten con plans empresariais que oscilen entre os 50.000 euros e os 2 millóns de euros, e os apoios recibidos poden chegar a cubrir ata o 30% do investimento subvencionable no caso das pequenas empresas e ata o 20% no caso das medianas. O incentivo á contratación das persoas con discapacidade é unhas das novidades que introduce esta nova convocatoria do programa, que fomenta o mantemento e a creación de emprego en xeral, e outorga o dobre de puntuación para acceder ás axudas a aquelas empresas que contraten persoas con capacidades diferentes. Ademais deste criterio para a concesión, o Galicia Inviste presta especial atención ao tamaño das empresas.

Neste sentido, nesta edición destaca tamén a aposta pola innovación, que introduce como novidade que son subvencionables aqueles proxectos de calquera sector que obteñan un informe de Axencia Galega de Innovación (Gain) que os acredite como innovadores.

Cómpre resaltar que o Galicia Inviste deste ano permitirá por primeira vez a adquisición de edificacións e construcións de segundo uso.

Os beneficiarios desta actuación son as compañías que desenvolvan proxectos novos ou de ampliación dos existentes nos sectores das industrias extractiva e manufactureira; de xestión e valorización de residuos; reparación de vehículos; loxística; hostalaría; sector TIC e servizos técnicos. Os investimentos que se apoian poden estar relacionados coa obra civil, a adquisición de maquinaria e de bens de equipo para a creación de novos establecementos ou para a modernización e diversificación dos existentes.

No caso de que as iniciativas empresariais se implanten nos Concellos Emprendedores, tamén se apoiarán os investimentos nos terreos ata o límite do 10% do gasto total subvencionable.

Balance

Á espera da resolución da última convocatoria do Galicia Inviste e dos incentivos rexionais, o Igape ten aprobado desde 2016 e ata o de agora 170 proxectos que dan emprego a preto de 2.500 persoas, achegando axudas que superaron os 50 millóns de euros e que facilitaron investimentos de preto de 500 millóns de euros.  

O programa Galicia Inviste apoiará 140 novos proxectos empresariais