A Xunta investirá 5,5 millóns de euros para apoiar 61 proxectos
A piques de publicarse as axudas para parques empresariais e viveiros industriais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos próximos días as axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas aos concellos para a mellora de infraestruturas nos parques empresariais e creación de viveiros industriais en Galicia.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou este mércores as liñas de axudas para melloras de parques empresariais e creación de viveiros industriais, ás que a Xunta de Galicia destina este ano 5,5 millóns de euros. A previsión é apoiar cos dous programas 61 proxectos que se estiman que xeren 144 empregos e mobilicen en total máis de 7 millóns de euros.
Melloras en polígonos empresariais
As axudas destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais publícase no DOG deste xoves 10 de xaneiro, polo que o prazo de solicitude abrirase o venres 11 de xaneiro e rematará o 11 de febreiro. O Goberno galego destina a esta actuación máis de 4 millóns de euros cos que prevé apoiar 54 proxectos e xerar 104 empregos. Estímase que o investimento mobilizado supere os 5,2 millóns.
A Xunta financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Apoiaranse proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos financiaranse tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.
Á hora de valorar as solicitudes terase en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o polígono e se as solicitudes proceden de Concellos Emprendedores, fusionados ou agrupados.
Viveiros industriais
Con respecto ao programa para financiar a creación de viveiros industriais en parques empresariais, o prazo de solicitude para optar a estas axudas abrirase o próximo 16 de xaneiro e rematará o 15 de febreiro. A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de 1,5 millóns de euros nesta actuación coa que apoia todos os gastos necesarios para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear un viveiro empresarial, incluídos os custos para a redacción do proxecto e de dirección de obra. O director xeral de Enerxía e Minas explicou que o financiamento alcanzará como máximo o 80% do custo total do proxecto, sendo o límite do apoio de 240.000 euros por solicitude.
Nos criterios de valoración teranse en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o parque, o modelo de xestión do viveiro e se a solicitude parte dun Concello Emprendedor.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé apoiar con esta iniciativa a creación de sete viveiros e estima que se xeren 40 empregos e que o investimento mobilizado alcance os 2 millóns de euros.