Programas PEL-Pemes e PEL-Emprende 2020
Máis de mil empresas e autónomos coruñeses solicitan as axudas dos programas PEL da Deputación
A Deputación da Coruña distribuirá a través das liñas PEL-Pemes e PEL-Emprende 3.760.000 euros, "contribuindo a reforzar o tecido empresarial da provincia e a paliar o impacto que a pandemia da covid-19 está a ter nas empresas e autónomos".
A meirande parte das solicitudes dirixíronse á liña de PEL-Emprende para investimentos, con 700 solicitudes presentadas, o que supón o 69,24% do total; seguido da liña de PEL-Pemes para a contratación de novo persoal con 246 ( o 24,33%), e 65 solicitudes (o 6,43%) de PEL-Pemes mantemento, que permite manter a axuda aos traballadores/as contratados no ano anterior.
Por outra banda, 36 solicitantes presentaron a solicitude sen especificar a liña de axuda que desexan solicitar.
O procedemento de concesión destas axudas da Deputación da Coruña é o réxime de concorrencia competitiva. Unha Comisión de Valoración valorará e puntuará as solicitudes presentadas en cada liña "conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias e perseguindo a maior repercusión posible das axudas no ámbito territorial, en función dos criterios de valoración comúns e dos establecidos en cada unha das liñas no apartado valoración de solicitudes".