A nova liña da Deputación da Coruña está dotada con 12,5 millóns de euros
Máis de 10.000 autónomos e microempresas da Coruña solicitaron as axudas PEL- Reactiva
Un total de 10.037 microempresas e profesionais autónomos de 88 concellos coruñeses solicitaron as axudas da nova liña do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña PEL- Reactiva, que destinará máis de 12,5 millóns de euros á reactivación económica e social da provincia.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a "boa acollida" do programa e afirmou que esta liña extraordinaria de 12,5 millóns de euros supón "un esforzo inversor sen precedentes, que se activa grazas á colaboración entre a Deputación e 88 concellos coruñeses" e ten como obxectivo "apoiar ao pequeno tecido empresarial local ante a grave crise económica ocasionada pola da COVID-19, axudando á supervivencia dos comercios, da hostalería e, en definitiva, de todos os negocios da provincia que están a sufrir as consecuencias devastadoras desta pandemia".
A meirande parte das solicitudes proceden nos concellos da comarca da Coruña, que recibiron 2.677 solicitudes, un 26,6 % do total, seguida da comarca de Compostela, con 2.109 (o que supón un 21% do total) e da Bergantiños-Costa da Morte, con 1.998 instancias, un 19,91% do total. Pola súa banda a comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal alcanzaron as 1.683 solicitudes (16,77%) e a de Barbanza as 1.570 (15,64%).
Nos datos por concellos o que máis solicitudes recibiu foi Carballo, con 641, seguido de Narón (484), Arteixo (410) e Oleiros (400). Nalgúns concellos coma Fisterra, Paderne, Mugardos, Muros, Camariñas, Arzúa ou Cedeira máis dun cuarto das microempresas censadas pediron as axudas.
As axudas a percibir polos autónomos e microempresas oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia (sen plantilla ao seu cargo) e os 3.000 euros para as microempresas que conten con entre 6 e 9 traballadores. Os fondos son compatibles con outras axudas.
Apoio aos plans de reactivación das cidades
Para completar a acción deste programa en todo o territorio provincial, González Formoso explicou que a Deputación destinará outros tres millóns adicionais, xa aprobados polo pleno nun expediente de modificación de créditos, a colaborar coas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela nos seus respectivos plans de reactivación económica e apoio aos sectores máis afectados pola pandemia, coma hostelería e o pequeno comercio. Dentro destas liñas de axuda, A Coruña recibirá 1,2 millóns de euros, Santiago 1 millón e Ferrol 800.000 euros.