Ata o 1 de setembro, o prazo para presentar os proxectos
O GALP Ría de Pontevedra repartirá máis de 300.000 euros en axudas a proxectos de dinamización da ría
Na primeira convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) do ano 2020, xestionadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, presentáronse 22 proxectos, dos que se propuxeron 13 para recibir as subvencións e finalmente se seleccionaron doce, seis de carácter produtivo e seis de non produtivo, recibirán 697.000 euros para un importe subvencionable de 1.486.480 euros. Os orzamentos totais desta ducia de iniciativas suman 1.825.497 euros.
En canto ao reparto por concellos, Poio e Marín acollen, cada un, tres proxectos e Sanxenxo, Bueu e Pontevedra suman, tamén cada un, dous novos proxectos.
Nova convocatoria
Agora o GALP Ría de Pontevedra vén de recibir unha comunicación da Consellería do Mar que habilita a convocatoria de setembro (remata o prazo de presentación o 1 de setembro) para a presentación de proxectos non produtivos, unicamente, que promovan o desenvolvemento e a posta en valor da contorna da Ría de Pontevedra. Nesta segunda convocatoria repartiranse 328.823 euros en tres anualidades (20.633 euros en 2020, 127.200 en 2021 e 180.989 en 2022).
Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra, centrando o seu eixe estratéxico nalgún dos seguintes obxectivos: mellorar a competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura, fomentar a diversificación e o crecemento de actividade económica, impulsar e aproveitar os recursos medioambientais, protexer e poñer en valor o patrimonio da Ría de Pontevedra e/ou promover a cooperación para contribuír ao desenvolvemento local. Na data actual, o obxectivo de diversificación xa está totalmente executado e non se poden admitir novos proxectos.
A finalidade dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é dinamizar o tecido socioeconómico dos territorios da área da ría, promovendo a profesionalización e a formación do sector.