Apoios que poden chegar ata o 50% do investimento
O Galp Costa da Morte xestiona axudas de ata 200.000 euros para transformación dos produtos do mar
Lanzar ao mercado novos produtos a partir do percebe e manter viva a memoria mariñeira dende Caión ata Muxía. Estas son as ideas centrais de dous proxectos que xa lograron a axuda económica do Galp Costa da Morte e que se presentaron na Casa da Cultura de Vimianzo: “mesturar o percebe, por exemplo, coas algas e facer degustacións para os peregrinos”, detallou Santiago Pérez, promotor das iniciativas e membro da Asociación de Profesionais Percebe da Barca. As súas ideas serviron para animar ao público asistente a esta xornada informativa a solicitar as axudas da nova convocatoria.
Pola súa parte, o xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González, fixo fincapé na importancia dos proxectos que aposten pola transformación dos produtos do mar para lograr as axudas económicas, “as ideas que vaian nesta liña son as que engaden valor”, matizou. Ademais, Guillermo González, explicou que “os proxectos xorden porque temos unha necesidade, vemos unha oportunidade e, a partir de ahí, podemos xerar o noso autoemprego”.
A xornada contou tamén coa presenza do secretario da confraría de Laxe. Antonio Devesa defendeu a importancia da posta en valor a pesca artesanal, “de nada serve se tes algo maravilloso, como son os nosos peixes, e non o das a coñecer; o labor de promoción nos proxectos que se presenten é moi importante”, subliñou Antonio Devesa.
Apoios de ata o 50% do investimento
As axudas do GALP Costa da Morte son apoios económicos dirixidos a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) para impulsar o tecido empresarial da Costa da Morte. O orzamento destinado a estes apoios supera os 2.500.000 euros.
As axudas van dirixidas a proxectos que permitan crear postos de traballo e poñan en valor o territorio. Por outra parte, os apoios económicos do GALP fomentan a participación de mulleres e buscan garantir o relevo xeracional no sector pesqueiro. Entre os obxectivos, tamén se atopa o fomento da economía azu e o impulso do aproveitamento do patrimonio ambiental, fomentando ademais o benestar social e o impulso do patrimonio cultural.
Os beneficiarios das axudas serán autónomos e pemes, con proxectos individuais ou colectivos, localizados nos concellos do ámbito territorial do Galp Costa da Morte, e máis concretamente en Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.
Os proxectos seleccionados dentro das axudas, por norma xeral, recibirán unha intensidade de axuda que vai dende o 35 ao 50% do gasto subvencionable, dependendo da puntuación obtida, ata un máximo de 200.000 euros. No caso da pesca artesanal, as porcentaxes poden incrementarse.
Os gasto subvencionables son para a persoal contratado, vehículos de transporte, inversións materiais, acondicionamento e equipamento, ou aplicación das instalacións, ou inclusive, a execución de edificación das instalacións precisas para o proxecto.
As axudas, publicadas na páxina do Galp Costa da Morte, foron aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.