As solicitudes, ata o 14 de setembro
As entidades sen ánimo de lucro poderán optar a axudas para contratar desempregados
A medida inscríbese nos programas que está a poñer en marcha a Administración galega, a través da nova Axenda de Emprego, para reducir o desemprego incrementando as oportunidades laborais dos galegos e galegas.
Con esta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 14 de setembro, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a contratación de desempregados durante nove meses a tempo completo en preto de 170 asociacións que están inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais.
Nesta convocatoria, mantense a ampliación dun 3% no orzamento do programa polo que se estima que se concederá un importe medio por entidade de 50.900 euros e por traballador de 16.440 euros. Ao igual que nos dous anos anteriores, darase tamén prioridade ás entidades que desenvolven proxectos singulares, que son aquelas asociacións que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Das 167 entidades beneficiaras previstas, estímase que 37 terán proxectos singulares nas que se prevé contratar a 187 traballadores. Do global do orzamento (8,5M€) destinaranse tres millóns (35,2% do investimento) para as entidades con proxectos singulares.
Novidades
Como novidade este ano, as entidades que non recibiron axudas para a contratación de persoas sen emprego nas tres últimas convocatorias contarán con máis puntuación para mellorar as súas opcións. Así mesmo, simplifícase a tramitación para facilitar a xestión ás entidades. Ao respecto, facilitarase a selección das persoas desempregadas a través do portal de Emprego de Galicia mediante a publicación dun procedemento seleccionador e permitirase a selección mixta (a través das oficinas de emprego e do portal de Emprego).
Desde 2009 este programa facilitou a contratación de 8.189 desempregados.