As contías das subvencións oscilarán entre o 35 e o 55% dos custos en función do tamaño das empresas
Empresas e autónomos terán dispoñible unha nova liña de axudas que financiará actuacións de eficiencia enerxética
Poderán ser beneficiaras destas subvencións empresas e autónomos con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, así como empresas de servizos enerxéticos.
Esta nova orde de axudas terá carácter bianual para ofrecerlle unha maior flexibilidade ao tecido empresarial e o procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva para manter aberto durante máis tempo o prazo de solicitudes. A contía das axudas será do 35 % do custo elixible para grandes empresas, o 45 % para as medianas e o 55 % para as pequenas cun máximo de 1 millón de euros por proxecto.
As axudas pretenden fomentar os investimentos en aforro e eficiencia enerxética nas compañías galegas, reducir os custos enerxéticos nas facturas, aumentar a eficiencia e dinamizar a economía.
Con respecto ás anteriores convocatorias, introdúcense novidades como a valoración do aforro enerxético tanto en termos de enerxía final como primaria, a estruturación das axudas segundo o tamaño de empresas e coa inclusión de infraestrutura pública fronte á división anterior por sectores de actividade, así como a incorporación dunha liña para aquelas compañías que reduzan, como mínimo, un 30 % os gases de efecto invernadoiro.
Con esta nova liña prevese a mobilización de 30 millóns de euros, aforros económicos de 5 millóns ao ano e unha redución de emisións equivalente á plantación de 950.000 árbores.