Convocatoria aberta ata o 6 de xullo
Dotadas con 9,75 millóns de euros as axudas para aforro enerxético destinadas á industria e ao sector hostaleiro
A Xunta continúa co seu compromiso co fomento do aforro e mellora da eficiencia enerxética coa nova convocatoria do programa dirixido á industria e ao sector hoteleiro no que se investirán 9,75 millóns de euros.
O obxectivo deste programa, cofinanciado con fondos europeos FEDER-Galicia para o período 204.2020, é desenvolver 400 proxectos e mobilizar 50 millóns de euros no sector.
Tal e como explicou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, grazas á posta en marcha das medidas desta iniciativa, as empresas beneficiarias poderán aforrar 8,4 millóns de euros anuais nas súas facturas enerxéticas, o que contribuirá a que melloren a súa competitividade.
A convocatoria está dirixida tanto a empresas como a empresarios autónomos que desenvolvan a súa actividade no sector industrial e hoteleiro. Tamén se inclúe unha liña específica de axudas para empresas de servizos enerxéticos que xestionen instalacións consumidoras de enerxía incluídas nos sectores anteriores que presenten proxectos co obxectivo de reducir o seu consumo. En concreto, o programa recolle a posibilidade de realizar auditorías enerxéticas; implantar sistemas de xestión enerxética certificados conforme á norma ISO 50.001; e instalar mecanismos de aproveitamento de enerxías renovables (fotovoltaica; eólica; solar térmica; aerotermia, xeotermia e hidrotermia; e biogás).
As empresas beneficiarias poderán acceder a axudas que cubrirán o 30% do importe das actuacións, unha porcentaxe que se incrementará ata o 40% no caso de pequenas e medianas empresas, e ata o 50% para a realización de auditorías enerxéticas nas empresas dos sectores industrial e hoteleiro. Ademais, por segundo ano consecutivo, a convocatoria ten carácter interanual o que permite que os beneficiarios conten con máis tempo para poder executar os seus proxectos.
Os interesados en acceder a esta liña de apoios xa poden presentar as súas solicitudes ata o 6 de xullo, tras a súa publicación no DOG o pasado día 24.