Aproba as bases de dúas convocatorias de subvencións
A Deputación de Pontevedra impulsa axudas para o sector primario
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases de dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario.
A primeira das liñas de axudas,, dotada con 250.000 euros, é a dedicada a confrarías e a agrupacións de mariscadoras mentres que a segunda, con 200.000 euros, irá destinada a cooperativas agrogandeiras. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que “este ano introducimos dúas novidades: incrementamos a contía máxima subvencionable dos 20.000 aos 30.000 euros e, por primeira vez, tamén permitirmos que haxa axudas para a transformación do produto, que era unha demanda tanto das cooperativas como das confrarías”.
“Co impulso destas axudas permitirmos que o sector primario teña recursos para poder seguir modernizándose; para poder ter unha posición tan relevante como a que ten na economía da provincia de Pontevedra. Sen dúbida, continuamos a ser unha administración que non só financia e garante servizos e dereitos nos concellos, senón que aposta por todos os sectores produtivos”, afirmou Silva.
Máis polo miúdo, as axudas ás confrarías contan este ano cun orzamento de 250.000 euros, 10.000 euros máis ca o ano anterior. Así, estas achegas serven para financiar actuacións como a comercialización e a valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade en confrarías e na federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e o aforro enerxético, así como o material para a vixilancia das producións e investimentos para a mellora dos servizos prestados.
Así mesmo, a contía das bases para subvencións a cooperativas agrogandeiras ascende a 200.000 euros, que irán destinados á posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovábeis e aforro enerxético, así como aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa.
O prazo de presentación de solicitudes para as dúas convocatorias empezará ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e finalizará pasados 30 días naturais.