O prazo de solicitudes está aberto ata o 24 de marzo
A Deputación da Coruña destina preto de 7 millóns ás axudas do Plan de Emprego Local
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Riobóo, presentaron a convocatoria do Plan de Emprego Local (PEL) 2020, que ten como obxectivo "apoiar a consolidación e fortalecemento do tecido empresarial da provincia da Coruña, axudando ás pequenas empresas, autónomos e emprendedores na creación de emprego e no financiamento de investimentos que contribúen a modernizar as nosas empresas e a facelas máis competitivas", segundo sostivo o presidente provincial.
González Formoso destacou que este é o cuarto ano que se convocan as axudas do PEL, que parten dun orzamento inicial próximo aos 7 millóns de euros, dos que 2,5 millóns se destinan a subvencionar a contratación de traballadores, 1,3 millóns a financiar novos investimentos en empresas de recente creación e 3 millóns a financiar as contratacións nos concellos.
Desde a súa creación en 2016, o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña supuxo un investimento de 26,7 millóns de euros, que permitiron a creación de 2.636 empregos directos e subvencionaron investimentos para modernización e mellora de 1.948 empresas coruñesas.
PEL-PEMES subvenciona ata o 70% na contratación de persoal
A liña PEL-PEMES subvencionará ás pequenas empresas e autónomos con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa desempregada durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social do traballador contratado, ata un máximo de 15.400 euros anuais.
Habilítase tamén unha liña PEL-PEMES Mantemento, coa que a Deputación subvenciona o mantemento das contratacións laborais indefinidas da convocatoria anterior do programa durante un ano máis. Deste xeito, as empresas poden optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2019 durante 12 meses máis. Nestes casos, a Deputación financiará o 50% do soldo e Seguridade Social do traballador/a cun importe máximo de 11.000 euros anuais. Estes contratos son sempre de carácter indefinido.
PEL-Emprende, axudas para investimentos
A liña PEL-Emprende está destinada a autónomos e empresas da provincia da Coruña con menos de cinco anos de antigüidade e sede social en calquera dos concellos da provincia da Coruña. As axudas cubrirán ata o 70% do investimento, cun máximo de 17.500 euros, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.
PEL- Concellos crea emprego e mellora os servizos públicos
A Deputación da Coruña consigna tamén este ano unha partida de 3 millóns de euros para apoiar aos concellos da provincia na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos. Á convocatoria do PEL-Concellos 2020 á que poderán acollerse os 82 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. En función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conte o municipio, as subvencións para as contratacións oscilarán entre os 19.000 e os 52.000 euros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou os bos resultados obtidos nos últimos anos polo programa PEL-Concellos, "que cada ano facilita a inserción laboral de preto de 500 persoas e, ao mesmo tempo, contribúe a mellorar os servizos públicos dos nosos municipios", sostivo.
O prazo de presentación das solicitudes para estas axudas,que deberán realizarase de xeito telemático na web da Deputación coruñesa, remata o vindeiro 24 de marzo.