Nova liña de apoios ao emprendemento
Convocadas axudas de ata 30.000 euros para o emprendemento no traballo autónomo, nas pemes e na economía social
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abre o prazo de solicitude das axudas ao emprendemento, que contan cun orzamento de 7 millóns de euros.
Con esta política, a Xunta reafirma o seu compromiso a impulsar iniciativas de emprendemento, para que incrementen a súa actividade e contribúan ao mantemento de empregos de calidade. As axudas financiarán investimentos realizados, no marco das novas iniciativas empresariais, en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou mobiliario, entre outros.
Desta maneira, esta liña de apoios permite axudar ás persoas e empresas que comezaron a súa actividade hai menos de tres anos, con achegas de ata 30.000 euros. Os pagamentos variarán en función da intensidade do investimento realizado. Irán desde os 3.000 euros para o mínimo investimento a financiar (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros).
A iniciativa, que conta cun orzamento de 7 millóns de euros, quere beneficiar pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo.
As bases da convocatoria establecen tamén, entre outros requisitos, que os potenciais beneficiarios teñan domicilio fiscal en Galicia, teñan formalizada a súa actividade no correspondente rexistro ou estean ao corrente na presentación de contas anuais e das súas obrigas tributarias.
O prazo de solicitude destas axudas estará aberto dende esta xoves e permanecerá vixente ata o próximo 29 de setembro.