O prazo de solicitudes remata o 18 de novembro
O Consorcio de Santiago destina 75.000 euros en axudas á rehabilitación de locais comerciais
O Consorcio de Santiago e o Concello de Santiago coordínanse para sacar as convocatorias de locais á vez, co propósito de facilitar a información e atención aos interesados. Así, o Concello acaba de convocar novas axudas para o comercio dentro do programa "Coidar para mellorar", destinado ao acondicionamento dos locais localizados fóra do ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica.
O Consorcio de Santiago incentiva a rehabilitación dos establecementos da cidade histórica, a mellora da súa accesibilidade, da súa eficiencia enerxética, da súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior.
Estas axudas inclúen os honorarios de redacción do proxecto e a dirección técnica da obra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase de redactar a documentación técnica no caso das obras de pequena entidade.
Requisitos para acceder ás axudas
Un dos requisitos para acceder a estas axudas é que o local debe estar destinado ou destinarse a algún dos seguintes usos regulados na Normativa Urbanística do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela: comercial, oficinas, actividades industriais e talleres de artesanía compatibles coa vivenda, docente, sanitario, asistencial, sociocultural ou deportivo.
En relación ao uso comercial dos locais, subvencionarase o comercio polo miúdo de froitas e verduras, carnes e peixes; pan, pastelería e similares; leite e produtos lácteos; bebidas e produtos alimenticios; téxtiles e calzado; droguería, cosmética, limpeza e pinturas; artigos de hixiene e aseo persoal; herbolarios; artigos para o equipamento do fogar e a construción; accesorios e pezas de reposto para vehículos, maquinaria; mobles e enseres domésticos; instrumentos musicais; mobles e equipamentos de oficina; aparatos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos; libros, xornais e artigos de papelería, debuxo e belas artes; xoiería; xoguetes, deportes, plantas, pequenos animais e reparación de artigos eléctricos para o fogar.
Valorarase a apertura de novos locais actualmente sen uso e a repercusión da actividade da empresa no desenvolvemento do tecido económico local, en particular os sectores considerados como estratéxicos polo Concello de Santiago: biotecnoloxía e ciencias da saúde, transformación da madeira, deseño de moda, ecnomía social, turismo idiomático e axencias de servizos turísticos e industrias culturais.
O orzamento mínimo subvencionable será de 600 euros e o máximo de 30.000 euros. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.