Apoios incluídos no Plan de Vivenda 2017
Concedidas axudas para instalar caldeiras de biomasa en 950 fogares galegos
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria de axudas para a creación, mellora e ampliación de equipamentos térmicos de biomasa, coas que 950 fogares galegos poderán instalar caldeiras de biomasa.
Os particulares aos que se lles concederon estes apoios poderán aforrar, en conxunto, 800.000 euros na súa factura enerxética anual e máis de 2 millóns de litros de gasóleo coa correspondente redución de emisións de 6.000 toneladas de CO2 ao ano.
Esta axudas, ás que se destinan 2,87 millóns de euros e que se prevé que mobilicen 6,4 millóns, enmárcanse na Estratexia Integral de Impulso á Biomasa con fins térmicos. A Xunta busca fomentar a eficiencia e diminuír o consumo de enerxías convencionais para reducir a dependencia enerxética do exterior, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos.
Cofinanciados con fondos Feader, os apoios céntranse no rural. Entre os criterios de valoración tivéronse en conta os equipos máis eficientes e o uso da instalación, pero tamén a localización xeográfica.
Estes apoios inclúense no Plan de Vivenda 2017, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellorar o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos a través de apoios para a renovación de fiestras, ascensores e instalacións eléctricas, así como para a implantación doutros equipamentos que usan enerxías renovables como xeotermia, aerotermia ou solar térmica, ademais do plan de autoconsumo ou a renovación de fachadas e cubertas con lousa, tella cerámica e granito. En total, a Xunta inviste neste plan 8,8 millóns de euros, fronte aos case 7,9 millóns do ano pasado.
Desde a posta en marcha da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa en 2014, a Xunta levará apoiado, a través de diferentes liñas de axudas, á instalación de 4.000 caldeiras de biomasa na Comunidade.