Networking Galicia Empresa en Vilagarcía
O comercio de proximidade pode solicitar desde este mércores axudas para dixitalización
Nun encontro dentro do ciclo Networking Galicia Empresa, organizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, Francisco Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, márketing dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou a xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5.600 euros.
Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía de Arousa, trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo.
Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade son dous retos que afronta o tecido empresarial galego e que a Xunta traballa para que as empresas e os autónomos atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio. Nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e os servizos da Oficina Galicia Empresa como instrumentos de acompañamento aos sectores económicos en Galicia. Tamén apuntou que seis dos concellos da comarca son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
O vicepresidente económico precisou que en xaneiro se crearon en Galicia un 6,49 % máis de empresas en comparación co mesmo mes de 2022, 22 máis. No que se refire á provincia de Pontevedra, a suba é case do 30 %, con 35 novas sociedades. E, en toda a comarca do Salnés foron 21, cun crecemento do 23,5 %.