O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata 2023
Duplícase o orzamento das axudas ao autoconsumo eléctrico
A Xunta duplica o orzamento, ata alcanzar os preto de 74 millóns de euros, das convocatorias de axudas dirixidas a proxectos de autoconsumo eléctrico e almacenamento con enerxías renovables, así como da liña para proxectos de enerxías renovables térmicas no sector residencial.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a ampliación de orzamento destas axudas, financiadas con fondos europeos e incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O Goberno galego prevé que estas subvencións permitan aforros de 40 millóns de euros ao ano nas facturas enerxéticas de empresas, administracións e fogares.
O prazo para a solicitude dos apoios, de concorrencia non competitiva, permanecerá aberto ata 2023. Ata o momento, a administración autonómica xa aprobou 646 iniciativas que contribúen a impulsar medidas de aforro e eficiencia. Inclúense varias liñas dirixidas a fomentar o autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, por unha parte, e en fogares, administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, por outra. Tamén se recolle unha convocatoria de renovables térmicas no sector residencial.
As axudas responden á aposta da Xunta de Galicia por apoiar o desenvolvemento das enerxías renovables en todos os ámbitos da Comunidade, así como impulsar o autoconsumo, obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030 e que tamén van en liña co Plan de medidas para o aforro e a eficiencia enerxética en fogares, administracións públicas e empresas impulsado pola Administración autonómica.