As solicitudes destas axudas, ata o 30 de setembro
Apoios de ata 8.000 euros para impulsar a comercialización dixital da artesanía galega
Un novo programa de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará a comercialización dixital do sector artesán galego, facilitando así a súa adaptación aos novos hábitos de consumo e ao actual contexto xerado pola covid-19.
Así o anunciaron a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, nunha presentación este mércores na tenda de artesanía Boles, situada en Santiago de Compostela.
A iniciativa, que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que conta cun orzamento de 330.000 euros, contempla apoios de ata 8.000 euros por iniciativa (cun máximo de dúas iniciativas por beneficiario) para a organización de eventos como tendas efémeras, plataformas de marketplace, feiras ou calquera outro tipo de evento comercial celebrado en liña. Para os participantes neste tipo de actuacións, as axudas poderán alcanzar un total de 6.000 euros.
Ademais, dentro desta convocatoria, á cal poderán presentarse solicitudes ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, tamén se contemplan apoios para actuacións de comercialización física, con ata 8.000 euros para a participación en feiras artesanais ou ata 30.000 euros para a organización destes encontros, dependendo do tipo de solicitante.
Poden beneficiarse das axudas, en concorrencia non competitiva, obradoiros artesáns, asociacións profesionais do sector, e concellos e, no caso de axudas para a comercialización dixital, comerciantes retallistas que empreguen a menos de 20 traballadores. Poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe da axuda, que pode financiar ata o 80 por cento do investimento subvencionable.