O DOG publica estas axudas e os incentivos para autónomos
Activada unha nova edición do programa Galicia Emprega
A Xunta vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova edición do programa Galicia Emprega, co que apoiará a contratación dunhas 1.350 persoas pertencentes a colectivos prioritarios, así como as axudas dirixidas ao colectivo de autónomos para a contratación indefinida de persoal e formación.
Galicia Emprega conta cun orzamento de 12.950.00 euros, o que supón 800.000 euros máis que en 2021, un aumento do 6,5%, para a contratación por conta allea de persoas pertencentes a colectivos prioritarios, como mulleres, mozas e mozos, persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social e parados de longa duración.
Galicia Emprega incorpora unha liña de incentivos ás accións formativas nos centros de traballo, que é opcional. Estes apoios están dirixidos a ofrecer formación ás persoas que se contraten a través das axudas no caso de que a empresa estea interesada en levar a cabo cursos cos que se poidan mellorar os coñecementos e habilidades dos traballadores.
Programa de emprego con apoio
Galicia Emprega, así mesmo, inclúe o programa de emprego con apoio, para contratar a preparadores laborais especializados que leven a cabo actividades de orientación e acompañamento individualizado aos traballadores con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego sufraga parte dos custos laborais (máximo 8.500 euros anuais) dos apoios ou acompañamento a persoas con parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual e mesmo con discapacidade física ou sensorial, discapacidade auditiva ou persoas en situación ou en risco de exclusión social. O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por preparador.
As empresas, autónomos e entidades sen ánimo de lucro disporán ata o 30 de setembro para solicitar os apoios. As contías base para apoiar a contratación nas empresas oscilarán entre os 2.000 aos 36.000 euros, segundo o tipo de contrato, uns apoios que poden incrementarse nun 25% en empresas radicadas en concellos rurais, e na inserción de persoas maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas, entre outras. En canto aos incentivos á formación, irán dos 2.000 aos 4.000 euros, segundo o tipo do contrato e as horas de formación que se impartan.
Axudas para autónomos
Doutra banda, o Diario Oficial de Galitica tamén publicou a liña de axudas dirixidas a persoas traballadores autónomas para incentivar a contratación indefinida de persoal e a súa formación. Estas subvencións, que incrementan o seu orzamento nun 35% ao pasar do millón de euros de 2021 ao 1.350.000 deste ano, prevé incentivos á contratación indefinida do primeiro, segundo ou terceiro traballador, cun bono contratación de ata un máximo de 22.500 euros, e un bono formación de 4.000 euros.
Para a primeira persoa traballadora indefinida, as axudas van desde os 4.000 euros aos 6.500 nos casos de parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Para incorporar á segunda e terceira persoa traballadora indefinida, a contía irá desde os 6.500 euros ata os 9.000 euros. Estes apoios poden incrementarse nun 25% no suposto de que a persoa incorporada sexa muller, teña máis de 45 anos, sexa emigrante retornado ou resida nun concello rural, entre outras variables.
Ademais, ponse en marcha por terceiro ano consecutivo o bono formación, que supón 4.000 euros a maiores por persoa contratada, sendo compatible co bono contratación.
Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas dispoñen ata o 30 de setembro para cursar a súa solicitude.