Axudas para asociacións, clústeres, hubs de innovación dixital e centros tecnolóxicos
Abre a convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, impulsados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.
Estes obradoiros configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada.
Cun orzamento de 600.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes abre este mércores e será dun mes, concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 60.000 euros. Deste xeito, prevese que se poidan apoiar arredor de 30 novos obradoiros.
Esta é a quinta convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.