Solicitudes ata o 29 de novembro
O 4º plan de rescate amplía o prazo para imputar as débedas
O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria do 4º plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e empresas afectadas na súa actividade pola crise sanitaria, con axudas que poden solicitarse desde o 29 de outubro ao 29 de novembro.
O plan de rescate conta cunha dotación de 134,4 millóns de euros que quedaron sen executar do 3º plan de rescate, activado pola Xunta cos 234,4 millóns da transferencia estatal que lle correspondeu a Galicia no reparto por comunidades autónomas. Finalizado o prazo o pasado 30 de setembro tan só se recibiron 5.912 solicitudes, que representan aproximadamente o 42% dos fondos previstos, polo que é necesario realizar unha nova convocatoria co obxectivo de que a totalidade do orzamento chegue ao tecido produtivo de Galicia.
Desde a Consellería de Emprego e Igualdade xustifican o fracaso do 3º plan nas condicións ríxidas e restritivas impostas no Real Decreto-lei 5/2021, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial, co que o Goberno central regulou as axudas, especialmente pola obriga de destinar as mesmas ao aboamento de débedas. No primeiro e segundo plans realizados pola Xunta con fondos autonómicos (182 millóns de euros) xestionáronse un total de 80.000 solicitudes grazas á súa axilidade e fácil tramitación.
Modificación dos requisitos
Ante a insistencia de comunidades, autónomos empresarios, o Goberno central realizou ata tres rectificacións do decreto inicial. A orde publicada este xoves no DOG incorpora a última desas modificacións, que apareceu no RD 17/20121 do 14 de setembro. Así, ampliase o período para imputar as débedas ás que se poden destinar as axudas, que deben ter sido contraídas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021; e establece que os cartos se poidan destinar a compensar custos fixos non cubertos nos que se incorreu nese período, e non só a débedas.
Os demais requisitos son os mesmos que na anterior convocatoria. Serán beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, que recibirán unha axuda máxima de 3.000 euros; así como o resto de persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas que teñan unha caída do volume de facturación de mais dun 30% no ano 2020 respecto do 2019. Neste último caso as axudas oscilarán entre un mínimo de 4.000 euros e un máximo de 200.000 euros.
O 4º plan deseñouse unha vez mas en colaboración co Diálogo Social e a Mesa do Emprego Autónomo na busca de fórmulas interpretativas que permitan sortear trabas burocráticas, axilizar os trámites e facilitar o acceso ás axudas ao maior número de persoas beneficiarias.