A Cámara santiaguesa continuará co seu programa de Comercio Retallista
4 de marzo, último día para solicitar as axudas á modernización para comerciantes e artesáns
As axudas foron presentadas este martes en Santiago polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Manuel Heredia, e a presidenta da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, María Pais, quen tamén avanzou a continuidade para este ano do programa de Comercio Retallista da entidade cameral.
María Pais salientou a importancia da actividade comercial para a nosa economía, ao tempo que destacou que “en contornas altamente volátiles, onde a revolución dixital veu para quedarse, os comercios retallistas e os obradoiros artesáns deben estar capacitados para adaptarse á nova realidade e dar unha resposta de áxil e de calidade aos novos hábitos de compra das persoas consumidoras” Neste sentido valorou moi positivamente a iniciativa “como panca para impulsar a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesanal galego”, retos ineludibles para incrementar a súa competitividade.
Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou que con estas axudas búscase apoiar ao sector para que se adapte á nova realidade a través da introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente á vez que se melloran os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade omnicanle, moderno e sostible.
Tres liñas de subvencións
Comercios e obradoiros artesáns poderán optar á liña de transformación dixital, na que se inclúen actuacións como a implantación de páxina web con ou sen venda en liña, ferramentas de posicionamento dixital, xestión de redes sociais ou loxística e comercio electrónico, entre outras. As axudas terán unha intensidade do 75 % ata un máximo de 12.525 euros dependendo do número de empregados. Na liña de innovación cóbrense tanto accións de smart retail, dirixidas á transformación dixital do punto de venda e do modelo de negocio -sistemas de click and collect e lockers dixitais, terminais de pago, tecnoloxía de control de stocks ou asistentes virtuais, por exemplo-; como de visual merchandising para mellorar a experiencia de compra e que inclúe escaparates virtuais así como pantallas e tótems publicitarios. As axudas tamén cobren o 75 % ata 27.750 euros, no primeiro caso, e 10.125, no segundo.
Por último, na liña destinada á modernización hai tres programas de actuación: un destinado á mellora da eficiencia enerxética e dos recursos do local; outro de reforma para mellorar a imaxe do establecemento e outro para a adquisición de equipamento e maquinaria propios da actividade comercial e artesanal. Neste caso a intensidade da axuda é do 60% podendo alcanzar os 7.800 euros no primeiro programa, 3.750 no segundo e 3.600 no terceiro.
Programa de Apoio ao Comercio Retallista
Doutra banda, a Cámara compostelá ten previsto continuar no 2024 co programa de Comercio Retallista, un programa que inclúe un conxunto de actuacións de apoio ao pequeno comercio orientadas a fomentar a innovación e mellorar a súa competitividade.
Durante o ano pasado, en colaboración directa coas asociacións da demarcación, desenvolvéronse seis accións formativas, alcanzando un total de 159 establecementos comerciais participantes. Así mesmo, realizáronse actividades de promoción do comercio local a través do desenvolvemento de accións de dinamización e incentivación das vendas, xerándose impactos directos en 843 establecementos comerciais. Campañas de promoción de vendas a través de redes sociais, repartición de material promocional como bolsas reutilizables, lapis, embalaxes, señalizadores externos, valos publcitarios….foron algunhas das actuacións executadas con cargo a este programa.