Xa están aboados 66 millóns do orzamento inicial
O 2º Plan de Rescate amplía en 21 millóns o seu orzamento
A Xunta engade 21 millóns de euros ao orzamento do 2º plan de rescate que inicialmente contaba con 75 millóns de euros, o que supón un aumento do 28%. O obxectivo deste incremento no orzamento do 2º plan de rescate é poder chegar, coma xa se fixo co primeiro plan, á práctica totalidade das solicitudes que cumpran os requisitos. Na actualidade, a Administración galega está a completar os pagamentos do 2º Plan de Rescate. Ten xa aboado o 90% do orzamento inicial, dos 75 millóns de euros, é dicir, xa pagados 66 millóns.
3º plan de rescate
A Xunta ten avanzado o deseño do 3º Plan de Rescate que prevé activar cos 234 millóns comprometidos polo Goberno central para Galicia. En consenso cos integrantes do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego autónomo, o Goberno galego quere seguir aplicando o que xa está a funcionar: que as axudas cheguen a todas as empresas con baixada na facturación, sen limitalas a determinadas actividades económicas como pretende o Estado.
Avogarase ademais por simplificar o procedemento previsto no Real Decreto do Goberno que -consideran desde a Administración galega- sobrecarga de burocracia tanto aos empresarios como ás Comunidades Autónomas que xestionarán os cartos. E, ao igual que vén facendo cos dous primeiros plans de rescate, a Xunta busca fórmulas que permitan anticipar o 80% das axudas simplemente mediante declaración responsable por parte dos solicitantes.