O investimento conxunta supera os 1,6 millóns de euros
27 proxectos da área da Ría de Pontevedra desenvolveranse grazas ás axudas que xestiona o GALP
Estas iniciativas non só mellorarán a competitividade dos sectores pesqueiro e marisqueiro da contorna da ría de Pontevedra; senón que tamén fomentarán a diversificación e o crecemento da actividade económica; impulsarán o aproveitamento dos recursos medioambientais, promoverán a protección e a posta en valor do patrimonio e promocionarán o desenvolvemento local.
Das 54 solicitudes recibidas nesta convocatoria polo GALP da Ría de Pontevedra, 27 foron as seleccionadas. Destas, 14 correspóndense a proxectos de carácter produtivo e 13 a non produtivos. Entre os proxectos produtivos, que poden chegar a ser subvencionables ata nun 50%, atópanse propostas do máis diverso que van desde a adquisición de vehículos isotérmicos para a comercialización de peixe ata o acondicionamento dun restaurante pasando pola adaptación á venda en liña, o desenvolvemento de novas liñas de produtos ou experiencias relacionadas coa pescaturismo.
En canto aos proxectos non produtivos, que poden ser subvencionables ata nun 100% nalgúns casos, hai iniciativas vinculadas ao aproveitamento e recuperación dos recursos naturais e patrimoniais da Ría de Pontevedra como programas educativos promovidos por concellos, proxectos de mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade para equipamentos turísticos; e tamén xurdiron iniciativas de restauración de embarcacións tradicionais e de desenvolvemento de servizos turísticos en bicicleta.
En canto as partidas económicas, os investimentos superan o millón e medio (1.619.798 euros) sendo o importe subvencionable de preto dun millón trescentos mil (1.259.767 euros) e o valor das axudas un total 847.706 euros.
Desde 2016 e grazas a estas axudas, o GALP Ría de Pontevedra leva apoiados preto dun cento de proxectos do máis diverso de gran impacto a socioeconómico, mediambiental e patrimonial.
Nova convocatoria de axudas
Actualmente está aberta unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 17 de setembro. Os proxectos deben desenvolverse nos concellos da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo ou Meaño) e encaixar dentro da EDLP.
Presentación de Relevo2
Doutra banda, este mércores presentouse publicamente o proxecto RELEVO2_Mocidade Abordo co que os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Vigo – A Guarda, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte e A Mariña Ortegal colaborarán para achegar o sector pesqueiro a as súas oportunidades de futuro ao alumnado de 4º de secundaria. Na actualidade, o proxecto, que está presente en 58 concellos e lanza a súa información a máis de 250 institutos das tres provincias costeiras, está na fase de arranque para a captación de centros educativos participantes.