O organismo prepara outra liña para apoiar á loxística avanzada e sostible
250 empresas interésanse polas axudas á economía circular e á dixitalización do Igape
Máis de 250 empresas seguiron este mércores unha sesión online organizada pola Confederación Empresarial de Ourense, sobre as axudas do Igape para levar a cabo proxectos e actuacións en economía circular e para a dixitalización da industria 4.0.
Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), foi a encargada de presentar a xornada online, única en Galicia para a explicación destas axudas autonómicas, destacando nun primeiro momento o interese suscitado pois aludiu ás máis de 250 pemes que conectaron para atender ás explicacións por parte de Norberto Penedo, director da área de Competitividade do Igape. A presidenta salientou a labor da oficina Conecta Ourense da CEO para facer chegar estas axudas ás pemes e acompañalas na súa tramitación
A continuación, Norberto Penedo fixo un repaso das axudas publicadas a finais do pasado mes de xullo e que abranguen eidos tan importantes hoxe en día como a economía circular ou a dixitalización industria 4.0. Neste apartado, Penedo destacou que poden ser proxectos individuais ou colectivos destinados á implantación de solucións para o soporte dixital de procesos ou proxectos de interconexión dixital de procesos de dúas ou máis empresas; ademais de investimentos materiais e inmateriais (equipamento informático, software, colaboracións externas...). Implantación de sistemas de intelixencia artificial, interconexión de elementos físicos e virtuais, dixitalización de procesos concretos, big data ou ciberseguridade, son algunhas das actuacións subvencionables.
Para esta liña están dispoñibles 5 millóns de euros e prevese investimentos e mobilizacións por valor de 12 millóns. E como novidade establece tres tramos para equiparar a concorrencia competitiva, para proxectos de menos de 50.000 euros, os que se sitúan entre 50.000 e 120.000, e os que superan os 120.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de setembro.
LIñas de apoios á economía circular
No apartado de economía circular, o director de Competitividade do Igape presentou unha nova liña para o desenvolvemento de proxectos neste campo, que poden expoñerse tamén de xeito individual ou colectivo, sendo a máxima subvención 75.000 e 200.000 euros respectivamente. Os obxectivos desta axuda van desde a redución do consumo de recursos no proceso produtivo ou mesmo da xeración de residuos e facilitar a súa reutilización ou reciclaxe. Tamén se marca como metas esta nova liña a análise do ciclo de vida do produto incorporando criterios de sustentabilidade nas compras, a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos, a redución do consumo de recursos cun cambio de enfoque na prestación dos servizos, a reparación avanzada e a creación de cadeas de valor máis curtas.
Entre os gastos subvencionables destacan os equipos e sistemas para monitorizar, seguir e controlar os parámetros produtivos e ambientais, ou o hardware e software intelixente que contribúa a procesar información de cara ao aforro de recursos hídricos ou enerxéticos. Esta liña subvenciona tamén a nova maquinaria e bens de equipo para o reciclaxe in situ de refugallos do proceso produtivo, e as colaboracións externas de carácter tecnolóxico para deseñar produtos ou procesos máis eficientes. Neste caso, o Igape destina millón e medio de euros para subvencionar proxectos que se poden presentar tamén ata o 8 de setembro.
Obradoiros de dixitalización
Os obradoiros de dixitalización para organismos intermedios de carácter empresarial (asociacións, clústeres ou centros tecnolóxicos) foron tamén analizados na sesión telemática. Estes obradoiros son espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas para sectores concretos. Un eido no que a CEO traballou co sector vitinivícola para levar a cabo a transformación dixital das adegas participantes.
Axudas á loxística
Ademais destas liñas xa publicadas, o director de Competitividade do Igape tamén adiantou os detalles da nova liña de axudas á loxística avanzada e sostible, orde que se publicará a próxima semana e que cubrirá o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para o transporte, almacenamento e posta a disposición de produtores e consumidores de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais: reducións de custos ou prazos de entrega, do impacto ambiental ou mellorar o servizo de entrega. Neste caso tamén se contemplarán proxectos colectivos e individuais nos ámbitos de dixitalización e automatización, procesos e aplicacións e virtualización e analítica de datos. O investimento destinado a esta nova liña é de un millón e medio de euros.
Novos proxectos na CEO para o outono
Noutra orde de cousas, a CEO continúa desenvolvendo proxectos nos ámbitos de economía circular e dixitalización para proporcionar ás pemes da provincia as ferramentas para implantar proxectos ou solucións nestes eidos. No mes de setembro e froito dunha cooperación co Inorde e a Deputación provincial, a CEO levará a cabo un Programa de Sustentabilidade dirixido ao sector agroalimentario para acelerar a súa transformación sostible e crear valor a longo prazo. Trátase dun programa pioneiro en España para o que a CEO conta tamén co apoio de CEOE Campus e de recoñecidos expertos sectoriais en economía circular, proxectos europeos e formación.
A organización empresarial tamén lidera o proxecto agrupado con conta individual no Marketplace Ankorstore, que permitirá que 10 empresas ourensás teñan un espazo propio durante un ano nesta plataforma B2B para que as súas marcas cheguen a retallistas europeos.