Súmase a outras convocatorias de axudas ao emprendemento
17 de agosto, último día para solicitar as novas axudas no marco de iniciativas emprendedoras
A Xunta mantén aberta, ata o vindeiro día 17, a convocatoria de axudas para investimentos e contratacións no marco de iniciativas emprendedoras, que conta cunha contía de 6 millóns de euros.
Esta nova liña de axudas pretende garantir a continuidade e consolidación de iniciativas de emprendemento cunha antigüidade máxima de 42 meses. Nesta convocatoria, as achegas por investimentos en equipamento informático, mobles ou reformas de locais, entre outros, poden acadar os 90.000 euros e os incentivos á contratación de persoas desempregadas ata 6.000 euros por contrato.
Así o lembrou esta xoves o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, na súa visita á empresa FlowReserve Labs, cualificada como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT). Flowreserve Labs, que se dedica á análise de imaxe médica de veas e arterias coronarias para a detección e prevención de cardiopatías, recibiu axudas da Xunta por un valor total de 120.000 euros, que contribuíron, entre outras, á creación de seis postos de traballo.
Na convocatoria destas axudas, a Xunta priorizará os apoios a aquelas actividades con encaixe no sector industrial, da transformación e/ou comercialización de produtos, servizos do ámbito da economía e dos coidados (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…) ou da formación para o emprego en sectores prioritarios. Tamén recibirán maior valoración as iniciativas con base tecnolóxica, ou de especialización intelixente, as da economía social, as radicadas en contornas rurais, e as que destaquen polo seu compromiso coa igualdade e a presenza de mulleres e polo emprego xerado.
Outras axudas ao emprendemento
Fernández tamén aproveitou para lembrar outra liña de apoios por 7 millóns de euros destinada a financiar iniciativas emprendedoras en activo que nacesen a partires do 1 de xaneiro de 2021, baixo a influencia da pandemia. A convocatoria, que está aberta ata o vindeiro 29 de setembro, busca dar cobertura aos investimentos realizados en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipos de segunda man, entre outros.
Por outra banda, o secretario xeral recordou outras dúas convocatorias de axudas que tamén están abertas. A primeira delas está destinada ás novas persoas autónomas, para facer fronte aos gastos de apertura dos seus negocios, e destina un total de 12 millóns de euros, con achegas que van entre os 2.000 e os 4.000 euros para cada solicitante. A segunda, que conta cun orzamento de oito millóns de euros, diríxese a aquelas persoas que queiran emprender melloras nos seus establecementos, que poderán recibir ata 3.000 euros.