A Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria neste 2021

16 proxectos asesorados polo Galp Ría de Vigo - A Guarda reciben 648.000 euros en axudas

16 proxectos asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo - A Guarda recibirán 648.000 euros da convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 que vén de resolver a Consellería do Mar.
16 proxectos asesorados polo Galp Ría de Vigo - A Guarda reciben 648.000 euros en axudas
Palangrero amarrado a puerto en A Guarda.
Porto da Guarda.
Os proxectos, sete non produtivos e nove produtivos, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), coa que se busca mellorar a competitividade do sector pesqueiro, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira.

Proxectos produtivos

Entre os proxectos produtivos atopamos diversas propostas que apostan pola innovación para dixitalizar e automatizar procesos, incluíndo outros novos, e modernizar a venda de peixes e mariscos, como son as de Pesciro S.L.U, Frigoríficos de Vigo S.A, Mariscos Islas Cíes S.L.U e Cíes Artesanais S.Coop Galega.

Como iniciativas vinculadas á posta en valor dos produtos pesqueiros, sitúanse as da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, coa que se busca mellorar e comercialización da anguía procedente da pesca artesanal; a da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballa na posta en marcha dun distintivo de calidade para o choco de Redondela; e a da Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), centrada en visibilizar a riqueza dos produtos do mar para a súa exportación.

E no relativo á promoción do patrimonio do mar desde o turismo sitúanse os proxectos de Estancias Pintans S.L.U., consistente na adaptación dunha casa mariñeira como hospedaxe, e de Navis Siren S.L., centrado na instalación dun apartamento flotante turístico no Porto Deportivo de Baiona, tomando como referencia as barcazas dos canais de Ámsterdam.

Proxectos non produtivos

Entre as iniciativas non produtivas atópanse proxectos cuxo eixe central xira arredor do coidado do medio mariño como son os da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que busca continuar coa Rede de Varamentos de Galicia, e o da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballará por osixenar de xeito natural os bancos marisqueiros que están a perder produción.

Por outra banda, co obxectivo de diversificar un sector enfocado ao cultivo do mexillón na Ría de Vigo, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas pon en marcha o proxecto Cultav, pensado para completar en catividade o ciclo de vida da Anemonia viridis, coñecida como anémona ou ortiga de mar, e desenvolver o seu cultivo en batea. E o Concello de Baiona creará un espazo de cooperación, discusión, formación e divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca atlántica no marco do Proxecto Blue Atlantic Foro.

A divulgación do patrimonio está presente entre os proxectos non produtivos coa iniciativa do Concello de Vilaboa coa que se quere impulsar a visibilidade das Salinas de Ulló. Así tamén figura nos plans do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, que lidera a iniciativa Naveganta coa que poñer en valor a riqueza da Ría de Vigo e impulsar a presenza das mulleres nos deportes náuticos, e nos do Club Náutico de Cobres, que centrará os seus esforzos na promoción da diversidade da Enseada de San Simón e a práctica dos deportes náuticos dunha forma sostible.

Nova convocatoria de axudas

A Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano. Polo de agora non se coñece a data límite para a presentación das candidaturas, pero desde o GALP Ría de Vigo-A Guarda animan a quen teña algunha iniciativa que encaixe dentro Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) a ir preparando a documentación e quedan á súa disposición para acompañalos durante o proceso.

 




 

para

16 proxectos asesorados polo Galp Ría de Vigo - A Guarda reciben 648.000 euros en axudas