O sector naval queda sen profesionais?
Nos últimos días atopámonos con declaracións das distintas patronais do naval aludindo á falta de profesionais no sector, o que impediría asumir a carga de traballo que teñen actualmente os distintos estaleiros.
Falan da falta de profesionais como se un virus repentino varrera cos máis de 10.000 traballadores/as do sector, e acto seguido anuncian a necesidade de traer profesionais de fóra. Non é de recibo afirmar isto e non entrar a analizar as actuacións que provocaron esta situación.
Convén matizar o da carga de traballo; por vez primeira dende hai sete anos todos os estaleiros teñen actividade, pero salvo contadas excepcións (Freire, Armón, Cardama ou Marín, onde dispoñen de unha carga de traballo estábel e con perspectivas a dous anos vista), trátase dunha única unidade, sen confirmación de máis carga de traballo; polo tanto, o volume de contratación sería puntual, desaparecendo eses traballadores/as iniciais (montadores/as, soldadores/as e tubeiros/as) ao seren substituídos/as por electricistas, habilitadores/as, etc., segundo avanza a obra. Polo que non esta asegurada a estabilidade no emprego.
Estes anos de parálise do naval foi utilizado por diversas empresas do sector, coa complicidade dalgúns estaleiros, para precarizar as condicións salariais, forzar a prolongadas xornadas laborais e relaxar a prevención no traballo.
Sempre que se fala no sector naval de traer traballadores/as de fóra, e temos exemplos dabondo noutras épocas, trátase de vulnerar o convenio con persoal en precario, o que provocaría unha competencia desleal cos empregados/as e coas compañías da comarca.
Cómpre denunciar tamén a situación de centos de traballadores/as que se viron na necesidade de acceder a cobrar a axuda de maiores de 55 anos para poder subsistir e logo foron obrigados/as polo Goberno central a xubilarse anticipadamente os 61 anos cunha miserenta pensión. Tratábase de profesionais de contrastada experiencia que tiñan moito que aportar. Agora, os que aínda non cumpriron os 61 anos atópanse ademais condicionados/as pola reforma de 2012, xa que se arriscan a perder o subsidio se se reincorporan ao mundo laboral. Non hai que esquecer que antes da reforma o subsidio estaba garantido.
Tamén temos que lamentar o completo abandono por parte das distintas Administracións, tanto do Goberno central como da Xunta, das políticas industriais en xeral e particularmente das do naval, xa que deixaron morrer o sector e non fixeron políticas de preparación de futuros operarios/as nin tan sequera cursos que permitiran a reciclaxe de centos deles/as, que se viron inactivos/as por períodos de dous, tres, catro e máis anos.
Atopámonos diante dun sector moi utilizado como propaganda polas Administracións, unhas Administracións que non foron quen de anticiparse á posíbel recuperación da actividade creando as condicións axeitadas.
Por todo isto, dende a CIG rexeitamos o discurso da falta de profesionais; os traballadores/as non desapareceron, tiveron que emigrar para buscarse a vida, polo tanto cómpre recuperalos/as, algo que só é posíbel se se dan as condicións axeitadas: cumprimento do convenio e asentamento real da carga de traballo a dous ou tres anos que asegure estabilidade á hora de volver.
E reclamamos unha aposta real dos estaleiros polas empresas auxiliares con estrutura e cumpridoras das condicións de traballo reguladas no convenio provincial do sector do Metal.