A era das mulleres
A Educación, a formación acadada pola poboación dun país resulta fundamental para avaliar a saúde económica e o progreso dunha sociedade.
Un estudo recente do departamento de macroeconomía de Caixabank sinala que a educación afecta de maneira directa ao crecemento económico porque é o elemento clave na mellora do capital humano. É dicir, ao incrementar o nivel educativo medra o capital humano e con este aumenta a produtividade. E isto é combustible para o motor do crecemento.
Se a educación en xeral implica melloría económica, qué sucede cando son as mulleres as que maioritariamente conforman ese sistema educativo?
Asegura un informe da CEPAL que a educación crea as condicións para o chamado empoderamento das mulleres. Conseguir a autonomía e a posibilidade de asumir responsabilidades na toma de decisións nas mulleres sempre require o paso polo sistema educativo.
Galicia pode hoxe, 25 de xullo, presumir de albergar a universidade pública española -a USC- con maior presenza feminina (segundo un recente estudo da Fundación Coñecemento e Desenvolvemento). A USC está á cabeza -case un 63% dos seus estudantes son mulleres- seguida polas Universidades de Vigo e A Coruña, que roldan o 50%. As mozas que estudan unha carreira universitaria en España representan o 54,2% do estudantado. A media galega supera o 55%.
As estatísticas van máis aló. Tamén nos estudos de posgrao as galegas son maioría, tanto en másteres coma en doutoramentos (un 58 % mentres que a media en España está nun 53%).
É transcendental que elas sexan tan numerosas nas facultades porque se nos atemos a informes como os citados, está a crearse unha xeración de mulleres que accederán á toma de decisións, romperán o chamado teito de cristal, achegámonos á paridade e, polo tanto, a unha sociedade máis igualitaria. O feito de que Galicia lidere este fenómeno educativo é alentador.
Hai quen di que este é o ano das mulleres. Non comparto a idea de que este asunto sexa como a moda. Máis ben creo que estamos na era das mulleres. Os cambios sociais e culturais requiren tempo e non se producen de maneira aleatoria. Desde hai moitos anos vén larvando un proceso de toma de conciencia da necesidade de incorporar ás mulleres de forma plena á economía. Non se trata xa dun asunto de exclusiva reivindicación social, non se trata só de xustiza ou de dereitos (felizmente a democracia e o marco lexislativo garanten a igualdade).
O mellor argumento para asumir a igualdade é que nos convén a todos. Esta non é unha carreira cun gañador… Ao final desta maratón gañamos todos, aínda que algúns pensen que perden poder. Son zancadas que teñen que superar valos ideolóxicos, relixiosos ou políticos. As mulleres non somos unha masa compacta, un colectivo uniforme; precisamente na súa diversidade estriba gran parte da nosa riqueza, tal e como ocorre cos homes. Por iso fainos un fraco favor cando alguén -goberno, partido, movemento- tenta arrogarse a súa completa representación. Aínda que se adorne con laciños e camisetas de cores só nos días sinalados.