Pon a disposición dos afectados o asesoramento do Instituto Galego de Consumo
A Xunta abrirá expediente informativo ás eléctricas polos cortes no subministro durante o temporal
A Xunta de Galicia abrirá un expediente informativo ás compañías distribuidoras debido aos cortes de luz por mor do temporal, que afectaron a 180.000 clientes en toda a Comunidade, 1.700 dos cales seguían aínda sen subministro a primeira hora deste luns.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que seguindo o procedemento habitual “é necesario garantir que as actuacións que se realizaron este fin de semana por parte das compañías eléctricas foron as correctas”. Conde quixo agradecer especialmente o esforzo dos equipos que traballaron durante estes días, “sen incidencias a pesar das duras condicións meteorolóxicas”, para restituír o servizo en fogares e empresas galegas.
Asesoramento do Instituto Galego de Consumo
Ao mesmo tempo, ademais dos teléfonos de avarías e reclamacións habilitados polas propias compañías, Conde puxo a disposición dos afectados todos os servizos de información e asesoramento dos que dispón o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, achegarase información a todos os usuarios sobre como presentar as reclamacións polo tempo que pasaron sen subministro eléctrico, así como polos posibles danos e prexuízos que os cortes de luz puideron ocasionar nos seus fogares. Os interesados, ademais de acudir as oficinas de Consumo, poden informarse a través da súa páxina web (https://consumo.xunta.gal) ou no número de teléfono gratuíto 900 231 123.