Combina a investigación en tecnoloxías dixitais coa industria 4.0
Viratec lidera un proxecto para a reciclaxe de residuos de construción e demolición
Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, desenvolverá o proxecto Smart2ReDuCe – Investigación en solucións 4.0 en economía circular para a industria de reciclaxe de residuos de construción e demolición (RCD) mediante visión artificial, fotónica avanzada e impresión 3D.
Esta iniciativa, que recibiu financiamento por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da convocatoria 2023 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI), é un proxecto de investigación industrial en tecnoloxías dixitais vinculado coa industria 4.0.
Smart2ReDuCe busca, mediante visión artificial, fotónica avanzada e impresión 3D, mellorar a separación en planta dos residuos de construción e demolición (RCD) para así acadar unha maior reciclaxe deste tipo de residuos.
Por outra banda, o proxecto, xurdido a raíz dunha xornada que puxo de relevo a problemática actual no sector, indaga tamén sobre solucións para fomentar a circularidade deste tipo de produtos, creando novos materiais coas mesmas características que os fabricados con materias primas virxes.
Un consorcio multidisciplinar
O consorcio do proxecto, integrado por un total de nove entidades, conta coa participación, ademais de Viratec, de Recinor, Gestán, CETIM, ITG, Inova, Himikode e Medrar, xunto co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.
Desta forma, mentres que Viratec se encarga da coordinación do proxecto, ITG lidera os traballos de visión artificial e fotónica avanzada, CETIM estase a ocupar da formulación de formigóns e impresión 3D; Inova e Himikode traballan conxuntamente na plataforma e algoritmia avanzada para pegada de carbono, e Medrar responsabilízase da optimización tecno-económica. As investigacións estanse realizando a partir da información obtida das plantas de reciclaxe de Recinor e de Gestán.
Os resultados do proxecto contribuirán a acelerar a transición cara a neutralidade climática, a eficiencia enerxética e a facer un uso sostible dos recursos.