Segunda edici´no de Colmea de Ideas
Un programa da UVigo busca empresas que queiran retar o alumnado a buscar solucións innovadoras ás súas necesidades
A finalidade desta iniciativa da Universidade de Vigo, que inicia a súa segunda edición, é implicar o tecido empresarial para que presente ao alumnado universitario unha serie de retos e desafíos aos que lle darán resposta nos seus traballos fin de grao e fin de mestrado, teses de doutoramento ou proxectos emprendedores.
Colmea de Ideas actúa como correa de transmisión entre a empresa e a Universidade, apostando por un maior achegamento entre a comunidade universitaria e as empresas e institucións e ofrecéndolle ao alumnado de grao, mestrado e doutoramento un repositorio de ideas sobre as que orientar os seus traballos de fin de estudos. Coa asunción destes restos para os traballos fin de estudos búscase identificar o talento universitario, achegar a cultura de innovación aberta á contorna universitaria, interactuar e crear sinerxías de colaboración entre a Universidade e as entidades participantes e procurar ideas de proxectos que dean resposta ás necesidades de empresas e doutras institucións de distintos sectores.
Convocatoria aberta a empresas, emprendedores e asociacións
Nesta nova convocatoria, poden concorrer tanto empresas a título individual como agrupacións empresariais que desexen desenvolver un proxecto de I+D+i e/ou consultaría orientado a solucionar unha necesidade concreta en colaboración con estudantes da Universidade de Vigo, como novos emprendedores, asociacións sen ánimo de lucro de interese social, ou fundacións privadas.
Cada entidade poderá presentar o número de retos que desexe, cubrindo o formulario en liña ao que poden acceder na web do programa. A publicación da listaxe de retos aceptados está prevista para o 9 de setembro. A partir desa data botará a andar a segunda fase do programa, a de presentación das ideas de proxectos para achegar solucións aos retos por parte do estudantado. Poderán inscribirse todas aquelas alumnas e alumnos da UVigo matriculados nos dous últimos anos de grao, estudantes de posgrao e o alumnado de doutoramento. A presentación das candidaturas por parte do estudantado estará aberta entre o 12 de setembro de 2022 e 26 de maio de 2023, polo que as e os participantes terán practicamente todo o curso por diante para traballar nos seus proxectos de innovación aberta.
A selección de proxectos gañadores, en tres quendas ao longo do curso
A fase terceira da iniciativa será a de selección das ideas gañadoras e esta terá lugar a medida que vaian chegando as solicitudes: unha primeira resolución o 16 de decembro, unha segunda o 24 de marzo e a derradeira o 9 de xuño.
As persoas que resulten gañadoras terán a oportunidade de gozar dunha serie de beneficios que estipulará a entidade en cuestión coa que se traballe e quen poden ser prácticas extracurriculares remuneradas, un premio en metálico ou a participación nun programa de titorización para poñer en marcha o proxecto proposto.
Na primeira edición de Colmea de Ideas participaron 14 empresas que presentaron ao alumnado un total de 15 retos que ían dende o sector da saúde e a biotecnoloxía, ata o eido da automatización, a industrialización ou aplicación da axenda 2030.