Busca impulsar a competitividade do sector lácteo galego
O MINCOTUR aproba SmarTZ4Milk, o proxecto tractor de Clusaga
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo anunciou a aprobación do proxecto tractor SmarTZ4Milk, que contará cun orzamento global de 15,2 millóns de euros, sendo a axuda concedida de 8,9 millóns de euros.
A publicación da resolución provisional do Perte agroalimentario, na que se aproba este proxecto, supón un pulo para esta iniciativa, que pretende revolucionar a competitividade do sector lácteo galego. Dentro desta resolución, foron aprobados 13 dos 22 proxectos presentados, contando cun orzamento total de 312 millóns de euros e 161 millóns de euros de axuda concedida
SmarTZ4Milk é un proxecto promovido por Clusaga a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food da Xunta de Galicia, que conta con Grupo Leche Río como empresa líder e na que tamén participan Leche Celta, Lácteos de Santander, Capsa Food, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas - CLUN, Agrupación de Cooperativas Lácteas, Cooperativa Agraria Provincial De A Coruña, Queizuar e Queixería Prestes.
A resolución provisional do PERTE Agroalimentario concede a SmarTZ4Milk un orzamento global de 15,2 millóns de euros, sendo a axuda concedida de 8,9 millóns. O obxectivo do proxecto é incrementar a competitividade, sustentabilidade e resiliencia do sector lácteo galego a través da I+D+i en dixitalización e rastrexabilidade, así como o investimento en activos destinados á protección do medio ambiente e a eficiencia enerxética.
Xunto ás empresas tecnolóxicas AMS Biopharma Laboratory, ASM Soft, Contactica, Tecnologías Plexus e Sixtema Proyectos de Información, cabe salientar a implicación da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, e o Instituto Tecnolóxico de Galicia. Ademáis, SmarTZ4Milk conta con Medrar Smart Solutions como coordinador técnico da proposta e con outras 22 empresas tecnolóxicas que participan coma entidades subcontratadas.
Outros proxectos con participación da industria alimentaria galega
Outras iniciativas destacadas que contan coa participación de empresas que forman parte da industria da alimentación e das bebidas en Galicia son Graperte e FG2H, mentras que no Perte de economía circular é salientable o proxecto CIRCULAR4FEED. En todos eles participan empresas socias de Clusaga.
Neste sentido, Graperte, que agrupa un total 19 empresas para afrontar de maneira conxunta os retos do sector vitivinícola, conta coa participación das adegas galegas socias de Clusaga Bodegas Martín Códax e Viña Costeira. A iniciativa, cun orzamento que supera os 10,2 millóns de euros e cunha axuda de 5,2 millóns concedida, ten o obxectivo principal de apostar pola transformación de todo este sector a través da innovación e a dixitalización.
Pola súa banda, FG2H, cun orzamento de 39,8 millóns e 21,3 millóns de axuda concedida, conta coa participación da empresa socia de Clusaga CEAMSA. O proxecto pretende xerar unha cadea de valor integrada a través de procesos innovadores, dixitalizados e sostibles para mellorar a competitividade da industria alimentaria española e convertila nun referente europeo.
Finalmente, o proxecto CIRCULAR4FEED, cun orzamento de 7,86 millóns e unha axuda condecida de 3,5 millóns, conta coa participación de tres empresas socias do Clúster: Grupo NOGAR, Galinsect e Kiwi Atlántico.