Científicos avalan as cualidades deste leite
A innovación chega ao sector dos lácteos cos novos iogures con leite A2 de Kalekói
Susana Aguiar e Álex Moure son os dous mozos emprendedores de Lalín que están detrás de Kalekói, a primeira marca galega en lanzar ao mercado iogures con leite que só contén a beta-caseína A2.
Carlos Spuch, investigador senior do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, avala cientificamente as cualidades do leite A2. Afirma que “hai estudos que amosan que o leite de tipo A2 se tolera mellor e produce menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal”. Spuch fai referencia tamén a que, fronte ao leite convencional, o leite que se elabora con beta-caseína A2 mellora parámetros de afección gastrointestinais e reduce a frecuencia das deposicións nos cativos.
As vantaxes que ofrece o leite A2 sintetízanse, en opinión do investigador sénior do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, en que favorecen a dixestión, xeran unha mellor resposta intestinal, reducen a actividade inflamatoria do intestino e mesmo melloran parámetros vasculares en persoas diabéticas.
Países coma Francia, Australia ou Nova Zelanda comezaron nas últimas décadas a elaborar lácteos de calidade recuperando, para iso, razas autóctonas. En España e, en concreto, en Galicia, hai 300 anos as vacas producían principalmente só leite A2, pero isto foise perdendo. Dende Kalekói apóstase por volver á orixe con esta gama de iogures elaborada a partir de vacas que producen unicamente leite A2.
As instalacións leiteiras emprázanse no concello de Rodeiro (Pontevedra) e a produción de A2, moi reducida de momento, “destínase integramente aos iogures”, segundo sinala Susana Aguiar. Dende hai algún tempo, os iogures A2 poden atoparse nos liñais dos supermercados Gadis e no mes de maio tamén se incorporan en Eroski. En ambos os dous pódense atopar, ademáis dos naturais, iogures con distintas froitas como son arandanos, amorodo e vainilla.