Gain explica na sede da CEO as novidades da convocatoria dos Bonos de Innovación
A innovación, ao alcance das pemes
Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), salientou na súa benvida aos asistentes que " o obxectivo principal deste programa de axudas é o de mellorar, de maneira inmediata a capacidade de innovación e que esta sexa a mellor ferramenta para fomentar e apontoar a competitividade do tecido empresarial galego" mentres que o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou que o programa Bonos de Innovación conta nesta edición cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes.
Con este instrumento, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación trata de apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Como principais novidades nesta convocatoria, amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador. Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses, que rematará o vindeiro 10 de abril. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.
Balance da primeira convocatoria
O ano pasado publicouse por primeira vez a convocatoria dos Bonos de Innovación, da cal foron beneficiarias 66 pemes, a maioría delas microempresas e pequenas empresas que non recibiran antes financiamento da Axencia Galega de Innovación. Este ano continúan as tres liñas de apoio do ano anterior, as pemes poden solicitar tódalas liñas ou unicamente algunha delas segundo ás súas necesidades.
A liña 1 está destinada a aqueles gastos para innovar ou levar a mercado as innovacións das pequenas ou microempresas, o ano pasado mobilizáronse máis de 1 millón euros de custo en innovación nos beneficiarios. Doutra banda, unha segunda liña facilita a tramitación das deducións fiscais relativas á I+D+i, de feito os beneficiarios de 2022 certificaron custos en innovación por máis de 2,5 millóns de euros. Salientouse que a convocatoria de 2023, coma novidade, inclúe tamén a tramitación das bonificacións de persoal investigador. Por último, existe unha terceira liña que permite tramitar axudas estatais ou europeas de I+D+i, as empresas que foron apoiadas captaron máis de 4 millóns de euros que supón un retorno de 50 euros por cada euro investido pola Xunta de Galicia.
Na explicación práctica, detalláronse tamén os conceptos subvencionables e non subvencionables, sobre todo na liña 1 e os criterios de valoración, así como os prazos de solicitude, xustificación e resolución por parte da Xunta.
Casos de éxito
A parte técnica completouse con dúas mesas redondas nas que empresas beneficiarias narraron a súa experiencia innovadora a través da achega destes bonos. Na primeira, puxeron sobre a mesa as experiencias inspiradoras para mellorar a capacidade innovadora de micropemes e pemes, e participaron Rubén Grande, de Academia Trinidad, Iria Portela, de Lenda Company, e Fátima Fuentes, de Triple Alpha Innovation.
Rubén Grande comentou que o bono lles permitiu testar a posta en marcha, estudo de viabilidade e resultados de iniciar unha canle para persoas maiores, un proxecto que probablemente non levarían a cabo sen esta axuda, polo seu risco. Hoxe en día teñen 40 solicitudes para a contratación deste servizo, mesmo do ámbito internacional.
Iria Portela comentou que a innovación no seu negocio de fabricación de comida para cans e gatos lles permitiu desenvolver con optimización de tempo a formulación e posta no mercado dun produto que os colocou como primeiros do seu sector.
Triple Alpha Innovation é unha consultora que presentou o proxecto colectivo dunha conserveira e unha adega nos que conseguiu optimizar a toma de datos e decisións, segundo relatou Fátima Fuentes.
Na segunda mesa falaron das deducións fiscais e as bonificacións do persoal investigador no que atinxe á liña 2 destas axudas. Axentes intermediarios como as empresas EQA, Leyton e Baltar Abogados informaron sobre os investimentos en I+D+i que teñen dereito a deducións fiscais, concretando as porcentaxes deducibles, os prazos, bonificacións á seguridade social por dedicación de persoal innovador, etc, e expúxose o caso de éxito de aplicación de deducións fiscais de Asenjo Montenegro Vigo Soluciones.
Ao término da xornada, un total de 16 participantes recibiron asesoramento personalizado dos seus proxectos.