Unha das empresas máis lonxevas da provincia de Ourense
H. Paniagua lanza ao mercado bebidas innovadoras
A empresa carballiñesa H. Paniagua, dedicada á elaboración de licores desde 1878 e participante da aceleradora Galicia Avanza, vén de anunciar a saída ao mercado novas bebidas, entre elas cremas de fresa, mango e nube.
A compañía H.Paniagua é unha das beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza, que promoven a Axencia Galega de Innovación (Gain), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).
Rodrigo Paniagua, xerente de Paniagua e quinta xeración da familia á fronte da empresa, sinalou que “ a innovación forma parte dos nosos valores desde os inicios. Ao longo destes anos, adaptámonos ás necesidades e gustos dos nosos consumidores, apostando por novos produtos e tentando non perder a nosa orixe”.
Coa marca La Pócima, a empresa H. Paniagua acaba de sacar unha completa familia de bebidas innovadoras tanto polos seus ingredientes como pola súa formulación. Entre estes produtos, hai bebidas doces e lixeiras, en particular unha gama de cremas de froitas exóticas elaboradas a base de agave mexicano, con sabores a fresa, mango e nube. Tamén ofrece unha liña de bebidas de maior gradación e sabores máis intensos, como son un licor de herbas elaborado por maceración de máis de 36 botánicos e un licor de ginseng.
Por outra banda, Paniagua quixo tamen destacar que “todos os nosos produtos teñen un marcado carácter galego, por iso, a maior parte dos ingredientes que empregamos nas súas elaboracións son de orixe local. Así, por exemplo, a nosa xenebra está elaborada con mazás da Estrada (Pontevedra) e as nosas cremas conteñen nata de leite de vacas galegas”.